1

ASKWAR HILONGA puido ir á escola secundaria grazas ao apoio da súa veciñanza en Gongali, Tanzania. Máis tarde conseguiu traballo para pagar os seus estudos e foi becado para ir á universidade. Hoxe, este enxeñeiro químico dirixe unha empresa para comercializar un produto que el mesmo deseñou para limpar a auga e facela apta para o consumo humano, un problema que afecta a centos de miles de persoas en África. Ademais, está a traballar en proxectos de enerxía solar e biocombustibles.
2
Segundo un informe elaborado polo centro de estudios francés “World Ineguality Lab”, en España o 10% das persoas máis ricas atesouran o 34,5% dos ingresos xerados polo traballo e o capital, namentres un 50% da poboación só dispón do 21% das rendas globais. Canto ao patrimonio, ese 10% acapara o 57,6% (e só o 1% case a cuarta parte). A crecente DESIGUALDADE débese ás rendas do capital e ás carencias do sistema tributario español, incapaz de cumplir axeitadamente a súa función redistributiva.

3

As traballadoras galegas do Servizo de Axuda no Fogar, SAF, estanse a mobilizar para mellorar as súas condicións de traballo. A PLATAFORMA SAF GALICIA loita para modificar un convenio que consideran obsoleto e desactualizado e do que denuncian o seu reiterado incumprimento polas empresas titulares, ao tempo que propoñen a municipalización deste servizo. O sector non conseguiu que as baixas por Covid sexan consideradas baixas laborais, malia ser o segundo sector máis afectado pola pandemia.
4
SABELA NÚÑEZ, mestra de matemáticas na Pontenova, recibiu unha chamada da Xunta de Galicia na que a reprendían por dar as súas clases en galego e non en castelán. Ela, fronte a posición da administración, que se basea no “mantemento do equilibrio lingüístico entre as linguas”, razoa que o 100% do seu alumnado é galegofalante, que a oposición que aprobou hai 28 anos é para ser mestra en Galicia e que, ademais, cada inicio de curso consensúa este tema co seu alumnado.

5

A avoa de VALENTINA aseguroulle que se os vermes consiguen converterse en bolboretas nada é imposible, así que se quere ser trapecista o síndrome de Down que ten non llo vai impedir, como ela pensa. Tamén lle dí que non debemos perder a ilusión nin as ganas de aprender, namentres persigue o seu soño de ser directora de orquestra. Esta película de animación, dirixida e producida por Chelo Loureiro, estreouse en distintas salas do país e prevese emitir na TVG e nas plataformas dixitais.
6
GABRIEL BORIC superou na segunda volta das eleccións presidenciais de Chile ao candidato da extrema dereita e será o novo presidente do país. Entre os 53 cambios concretos que recolle no seu programa, atópanse a creación dun sistema público de pensións que substitúa ao actual (privado), o incremento do salario mínimo, a redución da xornada laboral a 40 horas semanais, o plan para diminuír o prezo da vivenda, así como medidas ambientais, fiscais, sanitarias e de protección de colectivos en risco.

7

No medio da crise leiteira que vive Galicia, outros 70 postos de traballo vanse perder por mor do cese de actividade da empresa Tegestacín en Outeiro de Rei. A empresa xa fora denunciada en xullo por impagos ás gandeiras de entre dous e catro meses, e mesmo conta con directivos que xestionaron con anterioridade outras lácteas con débedas ao sector. Con todo, Tegestacín recibiu axudas da Consellería de Medio Rural, motivo polo que os sindicatos reclaman a súa incompatibilidade cos impagos.
8
Galicia pechou o ano 2021 cunha poboación de 2.691.213 persoas, un -0,27% que o mesmo período do ano anterior. O número de galegas e galegos emigrantes incrementouse en 2021 nun 3,19% (3.656 persoas), namentres a poboación inmigrante baixou notablemente: 6.548 persoas, un 52,11% menos que no ano 2020. Esta tendencia e o envellecemento da poboación non semella que vaian cambiar de rumbo nos vindeiros anos.
