1

cartel A ASOCIACIÓN POETA AVELINO DÍAZ

A ASOCIACIÓN POETA AVELINO DÍAZ conmemorou o seu 125 aniversario coa presentación de dúas publicacións sobre a súa figura, a celebración dunha polavila e unha conferencia sobre o autor en Meira. A asociación quere pór en valor a vida e obra do “Poeta de Meira”, nado en Órrea-Riotorto e emigrado a Bos Aires, de onde nunca regresou. Á marxe da obra publicada, uns 850 poemas están sen localizar, labor que constitúe, xunto coa investigación e difusión da súa obra, o obxectivo da asociación.

2

Seguen a sucederse en Galicia numerosas accións contrarias á autorización e instalación de novos PARQUES EÓLICOS. Moitos colectivos rexeitan no país o avance do que consideran na súa formulación actual unha actividade depredadora, contraria ao medio e ao territorio. As súas alegacións e actuacións xudiciais conseguiron, nalgún caso, parar o seu avance. A última mobilización conxunta impulsada pola coordinadora “Eólica así non” activou a protesta en 19 localidades galegas.

Cartel O pobo galego unido contra a depredación enerxética

3

Manifestación PAC 2022

Segundo denuncia o SLG, as axudas da liña de ecolóxico da PAC 2022 non contemplan as explotacións en zonas non declaradas de montaña, o que comprometería a viabilidade económica de moitas granxas e pequenos proxectos agroecolóxicos. Anúncianse novas mobilizacións no sector para conseguir o acceso destas explotacións ás axudas públicas no caso dos concellos cualificados como “zona desfavorecida”.

4

A parroquia de Pino, en Cospeito, xa conta coa súa propia BIBLIOTECA grazas ao traballo da Asociación Recreativo-Cultural San Martiño. O local social acolle os libros doados polo CPI do concello e pola veciñanza, iniciativa na que tamén cooperou a Mancomunidade de Montes, aportando un proxector e axudando a montar a infraestrutura. Polo de agora, abrirá os venres á tarde e os domingos pola mañá, ao tempo que prevé desenvolver o seu propio programa cultural.

Biblioteca parroquia de Pino

5

NÉLIDA PIÑÓN

E ainda que no início encontrasse dificuldade de repetir os nomes das aldeias de Cotobade, que eram treze, intuia que de cada localidade gotejava um sange também meu. NÉLIDA PIÑÓN, brasileira filla de galegos, escritora. Finou en decembro en Lisboa. Foi a primeira muller en presidir a Academia Brasileira das Letras. Recibiu, entre outros moitos recoñecementos, o Premio Rosalía de Castro e era membro da Real Academia Galega dende o ano 2014.

6

O tramo final do 2022 trouxo o último traballo de SÉS: Diante un eco, que supón o oitavo na súa carreira e que xa está presentando en concerto en diferentes vilas galegas. Defíneo como unha referencia á concepción cíclica da historia, dende unha visión horizontal e intercultural, reafirmándose na estética popular que sempre a acompañou.

portada disco SES- Diante un eco

7

Red Interuniversitaria de Educación Superior y Pueblos Indígenas y Afrodescendientes en América Latina

A REDE ESIAL (Red Interuniversitaria de Educación Superior y Pueblos Indígenas y Afrodescendientes en América Latina) artéllase como un espazo de cooperación interinstitucional entre universidades e institucións de ensino superior no eido dos coñementos, linguas, historias e proxectos de futuro de pobos indíxenas e afrodescentes. A Rede ten publicado diferentes textos que é posible consultar e descargar no apartado de “Recursos” da súa páxina web (untref.edu.ar/sitios/ciea/red-esial).

8

No mes de xullo de 2021 rodouse no Pazo de Sabadelle, Chantada, A ROSA INCANDESCENTE, curtametraxe dirixida por David Vázquez Vázquez e guión de Anxos García Fonte, interpretada por Alba López. En palabras da propia guionista, o filme quere achegar unha Rosalía de Castro cercana e directa, que nos conta algúns dos aspectos fundamentais da súa obra: a literatura oral, o compromiso co país, a sensibilidade social, a análise do seu tempo e as dificultades que afrontou por ser muller e escritora.

Cartel A ROSA INCANDESCENTE