1
ASER ÁLVAREZ reivindica no seu documental “Prisciliano e a Gallaecia” a que foi unha das figuras máis importantes de Europa do século IV. Home culto, rebelde, predicador co exemplo e partidario de volver ás raíces do cristianismo, foi condenado por ser incómodo ás xerarquías e, polo mesmo, ao esquecemento. O autor tenta con este documental rescatar a súa figura percorrendo os lugares por onde puido pasar e trasladala do ámbito académico ao coñecemento popular.
Imaxe: adiantegalicia.es
2
FIARE é unha iniciativa bancaria libre de tipo cooperativo que leva máis de 20 anos en activo. Só financian proxectos cun impacto social e ambiental positivo e desde unha concepción ética das finanzas. Organízanse en Grupos de Iniciativa Territorial, dos que un está establecido en Vigo, cuxa función é achegar o banco e este xeito de entender as finanzas ao territorio. Pretenden tamén estender a importancia da ética na economía do día a día e difundir a relevancia da Economía Social e Solidaria.
Imaxe: mercadosocialaragon.net
![1066_09_02 Logo Banco Fiare Bancaetica](https://irimia.gal/wp-content/uploads/2024/12/1066_09_02.png)
3
![1066_09_03 Imaxen homre e dúas mulleres](https://irimia.gal/wp-content/uploads/2024/12/1066_09_03.jpg)
Un informe da USC sobre o SISTEMA PROSTITUCIONAL conclúe que existen fortes vínculos entre sexo pagado, pornografía e violencia contra as mulleres,incidindo ademais nos efectos negativos das redes dixitais sobre as prácticas sexuais. As conclusións do traballo alertan sobre o perigo de internet polo aumento da explotación de mulleres vulnerables e a súa cosificación, destacando a presenza de tres rasgos comúns nos consumidores de prostitución: falta de empatía, machismo e desexo de control.
Imaxe: nosdiario.gal
4
A Xunta de Galicia iniciou o procedemento para declarar o BAILE E A MÚSICA TRADICIONAIS como Bens de Interese Cultural. A sociedade galega foi quen de manter estas formas de expresión do pobo malia a fin da sociedade tradicional, salvándoas e documentándoas a través de persoas e entidades que foron quen de manter vivo e transmitir o noso patrimonio. En todo caso, xa están preventivamente inscritas como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia. O expediente debe completarse en 2 anos.
Imaxe: praza.gal
![1066_09_04 Baile e música tradicionais](https://irimia.gal/wp-content/uploads/2024/12/1066_09_04.jpg)
5
![1066_09_05 mapa onde se indican CONFLITOS MEDIOAMBIENTAIS en Galicia](https://irimia.gal/wp-content/uploads/2024/12/1066_09_05.jpg)
Froito dun proxecto da UE no ámbito da Xustiza medioambiental naceu o mapa interactivo EJAtlas (https://ejatlas.org). Este mapa recolle en detalle oito dos CONFLICTOS MEDIOAMBIENTAIS máis destacados do país (o Prestige, Altri, minas de Touro e Corcoesto, Ence, Elnosa, as terras raras no monte do Galiñeiro e os parques eólicos do Monte Castelo), desvelando información sobre os seus impulsores, as súas repercusións, e sobre investigacións académicas e a mobilización social que xeran.
Imaxe: gciencia.com
6
O PASTOREO favorece o aumento da biodiversidade, o enriquecemento dos solos, a fixación de carbono, a evolución das masas arbóreas e a prevención dos lumes. Ademais, o pastoreo en extensivo (a ROZA BIOLÓXICA) é un mellor, máis sustentable e económico método de control da vexetación que a roza mecánica en zonas de monte por onde se desprega o tendido eléctrico. Así o demostra unha investigación que a USC realiza en colaboración con empresas do sector eléctrico.
Imaxe: terrachaxa.com
![1066_09_06 Cabras pastando no monte](https://irimia.gal/wp-content/uploads/2024/12/1066_09_06.jpg)
7
![1066_09_07 Alfonso Rueda e o Conselleiro de Sanidade](https://irimia.gal/wp-content/uploads/2024/12/1066_09_07.jpg)
Afirmaba a Xunta de Galicia que unha das causas do descenso do uso do galego é o incremento no país da poboación migrante. Nesta liña argumental, o executivo galego atribuíu tamén recentemente o aumento das listas de agarda da Sanidade pública a que “a xente vive máis”. Ao que a Xunta segue sen dar explicación é á petición de información sobre o número de RECLAMACIÓNS DE DOENTES que recibe o Sergas, evitando responder a un requirimento da propia Valedora do Pobo con base na lei de transparencia.
Imaxe: nosdiario.gal
8
Cada 30 de xaneiro, data na que se conmemora o nacemento de Castelao, a Consellería de Cultura e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración celebran o Día da Ilustración. O artista homenaxeado en 2025 será XOSÉ VIZOSO, debuxante, escultor, ceramista, grafista e ilustrador que foi colaborador directo de Isaac Díaz Pardo en Sargadelos. Xosé Vizoso é o autor dos carteis de moitas festas e eventos de Galicia, a comezar polas San Lucas do seu Mondoñedo natal.
Imaxe: mondonedo.net
![1066_09_08 Ilustración de Xose Vizoso](https://irimia.gal/wp-content/uploads/2024/12/1066_09_08.jpg)