1

A USC concedeu por primeira vez os Premios á Divulgación Científica á matemática Elena Vázquez Abal e a Manuel Gago Mariño. A Elena Vázquez valóraselle o rigor, a accesibilidade e a calidade na comunicación científica, a reivindicación do uso do galego e, entre outros aspectos, a visibilización do papel da muller na ciencia. A Manuel Gago recoñéceselle o uso pioneiro, destacado e innovador de ferramentas dixitais no ámbito da divulgación, así como o impacto do seu traballo desde un firme compromiso coa cultura galega.

Imaxe: usc.gal

2

Os episodios de ansiedade, sobrecarga, estrés e dor afectan ás nenas e nenos en idade escolar cada vez en maior número e a idades máis temperás. A Asociación Galega de Orientadoras (AGOEP) loita por acadar ratios de atención axeitadas por profesional, unha formación axeitada e unha comprensión real do seu labor. Reclaman tamén máis coordinación con outros servizos sociosanitarios e xurídicos, así como respaldo para realizar un traballo cun alto nivel de desgaste e implicación emocional.

Protesta polo cociente de orientación no ensino

3

Artur Puga
As pegadas do baile é un proxecto de Artur Puga que naceu ao abeiro doutro máis amplo, o Ven e baila, de reivindicación e difusión do baile tradicional. Trátase dunha proposta pensada para espallar as coreografías tradicionais a través dun lenzo que se coloca directamente no chan, no que están debuxadas e numeradas as pegadas que é preciso seguir para bailar as distintas coreografías. Preténdese achegalo a centros educativos, concellos e calquera espazo no que sexa posible instalar o lenzo.

4

No seu día, as cooperativas Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Lactogal uníronse para constituír CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas). En decembro, CLUN e Leite Celta anunciaron a creación dunha iniciativa conxunta, CoRural (Corporación Rural Láctea), para consolidar a súa presenza no mercado. Se a iniciativa resulta autorizada, o grupo reunirá 1.400 produtores de leite, 800 persoas empregadas, 8 plantas e 600 millóns de euros anuais de facturación.

Imaxe de promoción CoRural (Corporación Rural Láctea),

5

Foto de exemplo dun bosque comestible
Un bosque comestible (horto forestal ou bosque de alimentos) créase plantando diversas especies de árbores de distinto porte, arbustos, herbas e plantas, procurando un ecosistema similar aos xerados de xeito natural. Deséñanse para a produción de alimentos e materias primas, artellándose en sete capas para un mellor aproveitamento do espazo e para procurar distintos hábitats para a vida silvestre. En Galicia hai varios en marcha, como os de No Eido (Valmiñor) ou o de Sachos á rúa, en Ribeira.

Imaxe: deia.eus

6

Nos anos 60, o fotógrafo Nicolás Muller recibiu o encargo de tomar imaxes ao longo do Estado, co fin de publicar unha serie de libros que recollesen unha versión moderna e atractiva de cara ao turismo e ao investimento estranxeiro. Porén, en Galicia Muller tirou máis de 700 fotos, das que unha mostra está a xirar polo país, nas que o seu espírito fondamente humanista acolle imaxes de gran sensibilidade arredor de cinco temas básicos: territorio, mercado, o mar, a muller e urbanismo e modernidade.

Foto do fotógrafo Nicolás Muller, onde aparecen unha serie de mulleres vendendo pan

7

Imaxe do acto co que a Real Academia Galega puxo fin en Muxía ás Letras Galegas dedicadas en 2025 ás cantareiras e á poesía popular
O acto co que a Real Academia Galega puxo fin en Muxía ás Letras Galegas dedicadas en 2025 ás cantareiras e á poesía popular deixou varias reflexións que apuntan a un futuro prometedor no que á música tradicional se refire. Na xornada (que se pode ver na páxina web da entidade) falouse, entre outros temas, das novas formas da música tradicional, das variables de clase e xénero na poesía popular oral e da maneira de facer comunidade a través da voz colectiva da nosa música.

8

O proceso electoral do 30 de novembro en Honduras deixaba en decembro aínda pendente de dirimir a candidatura gañadora. O resultado definitivo chegará despois de realizar un reconto final tras numerosos atrancos que demoraron o pronunciamento sobre quen dirixirá o país: Nasry “Tito” Asfura, conservador apoiado polos Estados Unidos, ou Salvador Nasralla, do Partido Liberal, separados por unha marxe moi estreita, nun proceso moi cuestionado por acusacións de fraude.

Imaxe: rtve.es
Imaxe votando no proceso electoral de Honduras