1

Co verán chegan tamén os FESTIVAIS DE MÚSICA. O sector, que constituíu xa a Asociación dos Festivais de Galicia, vive un excelente momento e a oferta é cada ano máis ampla e variada. Malia ás novidades, sempre hai que facer un oco para clásicos como o Festival Internacional de Música Celta de Ortigueira (do 11 ao 14 de xullo) e o Festival de Pardiñas (2, 3 e 4 de agosto), que andan xa pola súa edición 41 e 40, respectivamente.

2

A enquisa sobre salarios do INE, presentada a finais de xuño, volve a poñer de manifesto a FENDA SALARIAL que hai en España entre homes e mulleres. Os datos, referidos a 2017, amosan unha diferenza media de case 6 000 euros anuais. Canto maior é a responsabilidade, maior é tamén a diferenza: directoras e xerentes cobran ao redor de 12 000 euros menos. Aínda así, non todo son malas noticias: no 2017 o soldo das mulleres medrou algo máis ca o dos homes.

3

A poboación de GAIVOTAS descendeu en Galicia o 30 % nos últimos anos. A Sociedade Galega de Ornitoloxía ve detrás deste descenso varias causas, entre as que destacan a clausura de vertedoiros, menos descartes de pesca e algunha posible enfermidade. E reclama a intervención da Xunta para investigar unha mortalidade que entre 2011 e 2015 causou a morte do 36 % das parellas reprodutoras do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

4

“Espazo multidisciplinar para xente con fame de aprender”, así é como se define ESCOLA UNITARIA, a iniciativa posta en marcha en Santiago de Compostela pola Asociación de Amigos si, pero a Vaquiña polo que Vale. Un espazo multidisciplinar e de aprendizaxe no que se desenvolven accións formativas dirixidas a persoas con inquietudes profesionais dentro das industrias culturais. Podes consultar o programa de cursos para o 2019-2020 na súa web: escolaunitaria.com

5

Segundo o INE o nivel de investimento en INVESTIGACIÓN en Galicia sitúase no 0,94 % do PIB, un 0,10 % por debaixo do que había en 2008, co goberno bipartito. Desde aquela, os gobernos de Feijoo viñeron recortando, de maneira continuada, o orzamento, o que obrigou a moitos investigadores a marchar fóra. No conxunto do Estado o nivel de investimento sitúase no 1,21 %, lonxe do do obxectivo do 3 % marcado pola UE.

6

A ONU recoñécelle, por trixésima oitava vez desde 1972, a PORTO RICO o seu dereito á autodeterminación. O Comité de Descolonización aprobou a finais de xuño unha resolución na que lle pide á Asemblea Xeral reabrir o debate sobre o asunto e anima a EUA a permitir aos portorriqueños exercer o seu dereito de autodeterminación. A illa leva máis de cinco século sendo unha colonia, os catro primeiros de España e o último de EUA.

7

CAIXA RURAL GALEGA vén de vivir o mellor ano da súa historia, segundo o seu presidente Manuel Varela, ao lograr un beneficio no ano 2018 de 5,4 millóns de euros. A caixa, con máis de 150 empregados e sede en Lugo, é actualmente a única entidade bancaria de capital galego. Mentres que o resto de bancos pecharon 1 300 oficinas o ano pasado, Caixa Rural Galega mantivo a súa rede e ampliouna abrindo oficina na cidade de Pontevedra.

8

España é o país europeo con maior uso e abuso de PRODUTOS QUÍMICOS para a agricultura: 73 000 toneladas ao ano entre o 2011 e o 2015, o que supón para a industria química unha facturación por riba dos 1 100 millóns de euros. Na parte positiva, España é tamén o primeiro produtor de Europa en agricultura ecolóxica, case dous millóns de hectáreas, o 8 % da superficie cultivada.