1

A LEI DE SEGUNDA OPORTUNIDADE

A LEI DE SEGUNDA OPORTUNIDADE é un proceso administrativo que permite que persoas moi endebedadas (particulares e autónomas) poidan cancelar as súas débedas e comezar de novo cumprindo uns requisitos. Recolle a posibilidade de chegar a un acordo de pago segundo as súas posibilidades e, no caso de non acadalo, pedir a exoneración do pasivo non satisfeito, é dicir, a cancelación do endebedado. Precisa a cesión de todos os bens e activos, agás os necesarios para realizar a actividade económica.

2

GALICIA NOMEADA é unha plataforma de colaboración que pretende recoller a riquísima toponimia galega e evitar a perda do patrimonio colectivo inmaterial. Particulares e entidades poden facer recolleita na súa aldea, parroquia ou concello de nomes das terras e lugares, fontes etc. por rexistrar tanto en terra como no mar e levalos a esta plataforma para salvagardar e difundir esta riqueza, hoxe ameazada pola transformación dos modos de vida tradicionais (https://galicianomeada.xunta.gal).

GALICIA NOMEADA

3

O VISO

O Centro de Desenvolvemento Rural O VISO será o receptor dunha achega por cada caixa agasallo que se adquira na tenda virtual de Carabuñas. A caixa contén varios produtos de alimentación elaborados con sabugueiro e foi deseñada para agradecer os coidados das persoas dos servizos de limpeza, saúde, educación, alimentación e a todas cantas traballaron e coidan de nós. Esta iniciativa liga a filosofía dos coidados á comunidade e ao territorio e supón un apoio ao produto local e galego.

4

Traballadoras de Residencias de Galicia (Trega) e o Movemento en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (Modepen) organizaron MARCHAS CÍVICAS solidarizándose coas vítimas do covid-19 nas que reclamaron servizos sociais 100 % públicos, alcanzables, de calidade e de proximidade e denunciando a privatización do modelo actual. Na actualidade, das preto de 25 000 prazas en residencias existentes en Galicia, só un 15,7 % son de xestión pública e case un 40 % pertencen a empresas privadas.

MARCHAS CÍVICAS

5

VIVENDAS COMPARTIDAS

Novas alternativas para vivir en comunidade xa desenvolvidas noutros lugares comezan a organizarse en Galicia. O “cohousing” (VIVENDAS COMPARTIDAS) son vivendas de colaboración e autoxestionadas, nas que un grupo de persoas decide habilitar un grupo de vivendas para un uso privado, pero con espazos comúns (mesmo recuperando aldeas), artellando unha rede comunitaria de apoio mutuo. No caso das de persoas xubiladas, presenta moitos beneficios fronte a outras opcións, como as residencias.

6

Outro movemento relacionado coa vivenda é “A VIVENDA, O PRIMEIRO” (“HOUSING FIRST”). Trátase dun programa de intervención con persoas sen teito que procura ofrecer un fogar como primeira medida para quen carece del. Baséase na consideración da vivenda como dereito humano, na separación da vivenda e do tratamento, na elección e control das usuarias, na actuación centrada na persoa, no compromiso sen coerción, no apoio flexible, na orientación á recuperación e na redución do dano.

A VIVENDA, O PRIMEIRO

7

AGROECOLOXÍA (SEAE)

A Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica/AGROECOLOXÍA (SEAE) e diversas entidades remitiron unha petición ao Ministerio de Sanidade propoñendo a implantación de matadoiros móbiles para o sector gandeiro ecolóxico. A Administración respondeu positivamente a esta petición, indicando que a proposta pode contribuír á viabilidade das pequenas explotacións, o respecto do benestar animal e pode beneficiar as canles curtas de comercialización, polo que xa tramita un real decreto nesta dirección.

8

As novas formas de convivencia fan agromar xeitos de organizarse que pretenden crear lazos de apoio e acompañamento que repoñan o tecido de apoio e solidariedade entre as persoas. É o caso dos GRUPOS DE AXUDA MUTUA (GAM), que funcionan en moitos eidos e que emerxeron con rapidez no tempo da pandemia. Non son grupos de terapia nin de faladoiro. Son grupos nos que, entre iguais, se trata un tema ou necesidade común co fin de aportar solucións ao que os une. Comunidade, en definitiva.

GRUPOS DE AXUDA MUTUA (GAM)