1

Cartel proxecto O REINO NO MAPA

A sociedade cooperativa Mazarelos é a responsable do proxecto O REINO NO MAPA de divulgación do Reino Medieval de Galiza. A través de diferentes mapas, amósanse distintos aspectos da organización política, social e cultural do Reino e o seu encadre no mundo da época. Partindo de fontes orixinais, usando unha linguaxe sinxela e acompañando textos e vídeos, o proxecto comparte en acceso libre materiais divulgativos que se poden descargar desde a súa páxina web: https://reino.mazarelos.gal

2

Este verán a USC impartirá o curso CHAVES PARA UNHA TRANSICIÓN AGROECOLÓXICA EN GALICIA, que se vai celebrar en Lugo entre o 17 e o 20 de xullo. A proposta centrarase nas potencialidades e problemas do tema proposto, combinando coñecementos teóricos e prácticos. No curso teñen un peso fundamental as visitas técnicas a explotacións agrarias e os obradoiros, que tocarán temas diversos: desde as sementes ao tratamento das fontes orais, pasando polas técnicas de produción.

Plantado unha pranta

3

Grafismo Premios Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) promoven os PREMIOS MIL PRIMAVERAS, que se outorgan coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos para a posta en valor e fomento da lingua e o incremento do seu uso e/ou prestixio. Concédense un máximo de catro premios, que consisten no recoñecemento e difusión das campañas premiadas como modelos positivos na normalización lingüística.

4

As alcaldías de marca galega van máis alá de Pedrafita e mesmo chegan a Xenebra. Durante un ano, ALFONSO GÓMEZ, nacido e criado en Corme, será o alcalde da segunda cidade suíza. Na base do seu mandato sitúa a defensa dos dereitos humanos e a urxencia climática. Alfonso é militante dos Verdes e xestiona competencias de igualdade, integración, vivendas sociais, recursos humanos, finanzas e políticas de espazos verdes e vexetarización da cidade.

ALFONSO GÓMEZ

5

Foto guerra Ucrania

Os últimos acontecementos da guerra de Ucraína moveron un grupo de XUBILADAS E XUBILADOS GALEGOS a redactar un manifesto, ao que xa lle amosaron o seu apoio persoas de relevancia do ámbito da política, da cultura e da sociedade do país. O obxectivo é reclamar o inicio de xestións diplomáticas na liña da Unión Africana, Lula da Silva, Xi Jinping ou o Papa Francisco, para acadar a paz definitiva e sentar as bases de novas relacións internacionais fóra da imposición duns Estados sobre outros.

6

A REDE MIRIAM fai unha nova convocatoria do Seminario de Acompañamento Integral, que terá lugar en Salamanca entre o mes de outubro de 2023 e o de agosto de 2025 (seminarioacompanamiento@gmail.com). A rede está constituída por mulleres laicas e relixiosas; sostense na creación de vínculos, no coidado da relación e o acompañamento grupal entre mulleres. Xúntanse desde a súa vivencia da espiritualidade ignaciana, pensada e vivida con perspectiva de xénero e á luz de novos paradigmas teolóxicos.

Cartel seminario

7

MANUEL VELLO, MANOLO DE MESÍA

MANUEL VELLO, MANOLO DE MESÍA “dedicou toda a súa vida á gran loita das cousas pequenas”. Activista social, defensor da lingua e da cultura galegas, loitador na política e no sindicalismo, irimego e sancristán. A súa traxectoria vital recolleuse nun documental producido por Nós Televisión, dirixido por Xosé Bocixa. Pode verse en Youtube, no que falan a súa familia e as compañeiras e compañeiros que o acompañaron ao longo da súa vida.

8

A ONG Egueire organiza en Mazaricos a XIII FESTA AFRICANA, o vindeiro 8 de xullo (é necesario inscribirse). Entre as actividades, que comezarán a partir das 12.00 h no recinto feiral da Picota, figuran exposicións de máscaras, esculturas e pinturas, obradoiros de danza e de música africana, un “rastrillo” e unha actuación musical. Rematará co xantar.

Cartel XIII Festa Africana