1
Segundo unha análise do SISTEMA TRIBUTARIO español realizada por OXFAM INTERMÓN, no que toma como referencia o IRPF, o IVE e o imposto sobre o patrimonio, unha persoa con ingresos superiores ao millón de euros ten unha tributación moi similar (un 17%) a outra que ingrese pouco máis de 20.000 euros (16%). A entidade propón pechar a brecha que existe entre as rendas do capital e as do traballo, así como modificar a fiscalización societaria para que as empresas grandes coticen o que lles corresponde.
2
ZENDO BETANIA é un centro de espiritualidade zen que persegue o reencontro coas raíces profundas propias no marco do diálogo interrelixioso budista-cristián. O centro, situado en Brihuega (Guadalajara) ten un amplo programa de actividades que van dende a introdución ao zen ata reunións, xornadas intensivas, estancias ou seminarios. Pódense consultar e obter máis información na súa páxina web: zendobetania.com

3

A IOAC (Irmandade Obreira de Acción Católica) impulsa para o bienio 2023-2025 a campaña “COIDAR O TRABALLO, COIDAR A VIDA”, apostando con firmeza pola dignidade do traballo e polo traballo digno. Co gallo da celebración desta campaña, a IOAC publicou un novo caderno, o número 26, no que recolle unha reflexión sobre o que significan eses conceptos, convidando dende esa base a comprometernos na construción do ben común na sociedade. Pódese descargar de balde en hoac.es.
4
Seguindo o ronsel do colectivo Burla Negra, naceu hai agora algo máis dun ano o movemento BURLA VERDE. Distintas asociacións, colectivos e persoas do mundo da arte e doutros ámbitos xúntanse para actuar diante da proliferación indiscriminada de parques eólicos, do espolio e da destrución do monte galego. No colectivo organizan, entre outras actividades, encontros pola defensa do territorio (o último en xuño, no Caurel, no pasado xuño).

5

Xa son 20 as XORNADAS INTERNACIONAIS RURAIS que a Asociación de veciños de Cabreiros, en Xermade, vén de celebrar dende 2005. A asociación mesma as define como “unha porta que une as experiencias e coñecementos que adquiriron os nosos maiores ao longo da súa vida coas novas xeracións”. Cada ano recollen entre 15 e 20 propostas da veciñanza, que este ano transformáronse en debates sobre proxectos enerxéticos, obradoiros de baile, presentación de libros ou charlas sobre fauna salvaxe entre outras.
6
O TSXG paralizou unha instalación mineira para a extracción de coltán en Viana do Bolo. A mina da Penouta fora autorizada en 2022 polo goberno galego, mais o proxecto foi desestimado xudicialmente polo seu impacto ambiental. Segundo a sentenza, non se realizou unha axeitada valoración sobre o espazo Pena Trevinca, quedando acreditado o impacto das voaduras e movementos, fendas en vivendas, a afección de augas de consumo humano, e a presenza de metais pesados en doses perigosas.
Imaxe: https://img.lavdg.com/

7

A intencionalidade como causa dos INCENDIOS FORESTAIS reduciuse no que vai de século dun 90 a un 70% na actualidade, aumentando o factor natural como orixe dos lumes. Ademais, o peso dos grandes incendios aparece con forza nas estatísticas anuais de lumes, recoñecendo a Xunta que ningunha zona está a salvo ante circunstancias favorables para o seu desenvolvemento. Para o ano 2024, o Plan de incendios conta cun dispositivo integrado por 7.000 persoas, 30 medios aéreos e 380 motobombas.
8
En Galicia traballan 1.141 COOPERATIVAS, que reúnen preto de 80.000 persoas socias e crean 28.000 postos de traballo directos (o 2% das persoas ocupadas en Galicia están vencelladas a unha cooperativa). Prestan servizos en moitos sectores diferentes, e só as agroalimentarias facturaron 2.1 millóns de euros en 2023. Ademais, o 47% das socias das cooperativas son mulleres, as cales representan o 34% de membros dos consellos reitores e o 20% das presidencias das cooperativas.
