1

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia a mala praxe de empresas que están a instalar fibra óptica no rural e a retirar o cableado vello. Estas entidades, especialmente Movistar, non só acceden a fincas cultivadas sen ningún tipo de coidado, senón que tamén deixan cable estrado polas cunetas e os prados. Esa situación xera un risco moi elevado para as crianzas, os animais, a maquinaria agrícola e para o propio medio.

2

Os seus avós xa comezaran a loita pola defensa da Tulla de Fafián, en Rodeiro. Seguiuna a súa nai, e ela tamén se uniu. Así foi como Leila Sabbouh López acabou por elaborar un informe xunto co investigador Daniel González Alén para conseguir que a torre fose declarada Ben de Interese Cultural. O que a loita veciñal comezou precisa agora da necesaria intervención da Xunta, sen a cal esta edificación medieval, como outros bens do país, pode acabar por desaparecer.

Tulla de Fafián, en Rodeiro.

3

club de lectura
Os clubes de lectura son unha marabillosa ferramenta cuxos beneficios van alén de celebrar o amor polos libros. Nestes espazos comunitarios compártense reflexións feitas en soidade, mais o feito de poñer a experiencia en común e de saberse lector ou lectora dun mesmo texto ao mesmo tempo ca outros nutre os vínculos sociais e axuda mesmo a mellorar a saúde mental. En Galicia, aumenta cada ano o seu número, tanto os escolares como os das asociacións e bibliotecas urbanas e rurais.

4

A riqueza dos falares tráenos hoxe aquí o erromintxela, a fala do pobo xitano que vive en Euskadi. Trátase dunha forma do romaní que incorpora moito léxico e estruturas gramaticais do éuscaro cunha pronuncia que se achega á do romanés. Hoxe só a falan entre 200 e 300 persoas, xa que o seu uso se viu afectado pola prohibición da utilización das linguas e falas do Estado diferentes do castelán no século pasado.

erromintxela

5

Fuxan os Ventos
Podería semellar que dous concertos eran moitos para que Fuxan os Ventos estrease por eles mesmos o auditorio ao que a cidadanía de Lugo elixiu darlle o seu nome. Á fin tiveron que ser tres. Tres concertos emocionantes nos que tamén actuaron Faia Díaz e De Ninghures, revelando non só os lazos familiares que os unen senón tamén os outros, os que se sementan “loguiño de crarear, en tanto no pobo medre un meniño, un vello e un cantar”, como así reflectiu tamén a diversidade do público asistente.

6

Este ano Castelao 2025 agasállanos, entre outras cousas, coa película Antes de nós, dirixida por Ángeles Huerta e escrita por Pepe Coira. No filme abórdase a vida de Castelao en dous momentos moi importantes da súa vida: cando deixa Pontevedra para atender a doenza da gripe en Rianxo, e once anos despois relatando a súa visita a Bretaña con Virxinia tras o pasamento do seu fillo, Chuchiño. Unha nova ollada desde distintas perspectivas da vida de Daniel.

Cartel da película Antes de Nós

7

festival musical
Entidades de apoio ao pobo palestino animan a amosar a oposición ao xenocidio de distintos xeitos, un dos cales é o boicot aos produtos e ao comercio con Israel. Así o entenden moitas bandas de música que rexeitaron participar en festivais musicais este verán por pertencer ao fondo israelí KKR, entre eles o Son do Camiño, o Resurrection, o Caudal e o Morriña Fest. Nada que haxa que lamentar en exceso existindo as foliadas, Pardiñas, As Revenidas, o Agrocuir, a Osa do Mar e tantos outros.

Imaxe: praza.gal

8

Carmen V. Valiña é a autora de As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo (1885-1936), publicación na que recolle a memoria de moitas mulleres alí ingresadas sen ter un diagnóstico de trastorno psiquiátrico. Querendo devolver a voz ás anónimas da sociedade, a escritora agrupou os relatos do libro en tres capítulos: mulleres alcólicas, mulleres que sufriron por causa dos fillos e mulleres que querían marchar ou vivir o seu propio destino e que por iso foron encerradas.

Imaxe: praza.gal
Portada do libro As Tolas que non o eran