1

Do 1 ao 5 de xullo, Allariz acollerá o curso COMEDORES ESCOLARES ECOLÓXICOS, organizado pola Universidade de Vigo. Os asistentes terán a oportunidade de formarse e debater sobre a xestión dos comedores e tamén de coñecer algunhas das experiencias máis innovadoras que se están desenvolvendo neste terreo, coma a da Escola Infantil Municipal A Caracola, da Coruña, pioneira dun proxecto no que participan xa trece centros da comarca. Non se trata dun asunto menor, máis de 100 000 nenos e nenos comen cada día, en Galicia, no colexio.

2

Segundo un estudo de UNICEF, 6 063 menores chegaron sós en pateras a España no ano 2018, o que supón un aumento do 160% con respecto ao 2017. A organización tamén denuncia a saturación dos centros de menores e a falta de persoal e recursos para protexer e integrar este menores. No 2018 chegaron a España 65 300 persoas por vías irregulares.

3

O próximo 30 de xuño, no San Alberte, a Asociación de Amigos do Camiño Norte na Mariña e na Terra Cha vaille render unha homenaxe ao irimego, e tamén directivo delegado desta asociación na Terra Chá, ALFONSO BLANCO. O acto enmárcase dentro das XII Xornadas do Peregrino “Abrindo camiño 2019” e incluirá a publicación dun caderno na súa honra.

4

Galicia acumula case o 20% das sancións á distribución e industrias alimentarias. A comunidade lidera o ránking de sancións da Agencia de Información y Control Alimentario (AICA), nas que o 44% das multas corresponden co incumprimento nos prazos de pago e o 16,7% á ausencia de contratos. A información aparece recollida na web Campo Galego, un dos portais de referencia para coñecer e entender o que está pasando no rural do noso país.

5

Aínda que a noticia practicamente desaparecese dos medios, o ÉBOLA segue avanzando de maneira imparable na República do Congo, no que está sendo o brote máis letal da historia. O número de falecidos xa superou amplamente os 1 000 e a taxa de letalidade sitúase no 66 %. Á enfermidade súmanse, ademais, os ataques ao persoal médico, que obrigaron algunhas organizacións a suspender as súas actividades.

6

Modificar o manexo e a maneira de entender as ABELLAS, ese é o modo no que o ser humano pode axudar a estes insectos a mellorar a súa saúde e a facerlle fronte a ameazas como a velutina, a varroa ou os neurotóxicos. Quen teña interese no tema pode asistir ao IV Curso de Bioapicultura que impartirá Xosé Manuel Durán (presidente da Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia) na granxa Apípolis de Pontevedra, a mediados de xuño (15 e 16) e primeiros días de setembro (7 e 8).

7

A OIT (Organización Internacional do Traballo) cumpre 100 anos e o 12 de xuño celebramos o Día mundial contra o TRABALLO INFANTIL, que é aquel que, segundo esta organización, priva os nenos e nenas da súa nenez, do seu potencial e da súa dignidade, o que é prexudicial para o seu desenvolvemento físico e psicolóxico. Estímase que no mundo hai máis de 150 millóns de vítimas do traballo infantil, das que 7 de cada 10 traballan no sector da agricultura.

8

O traballo dun grupo de alumnos do Colexio Fingoi de Lugo, presentado no hospital Lucus Augusti, vén de poñer o foco nas BACTERIAS MULTIRRESISTENTES. Cada ano morren en España máis de 35 000 persoas por mor destas bacterias que non responden aos antibióticos, por termos abusado antes deles. España ocupa o primeiro lugar do mundo en consumo de antibióticos, sen razón epidemiolóxica que o xustifique.