1
REDES CRISTIANAS emitiu un comunicado ante as declaracións do Secretario Xeral da Conferencia Episcopal, contrario á implantación do salario universal. Cren que manifesta unha insensibilidade social inaceptable e vai en contra do traballo desenvolvido por Cáritas e outras entidades a prol dunha renda mínima garantizada e suficiente. A situación de emerxencia social, a escaseza de traballo e os factores que defenden a medida chocan co argumento da CEE de que pode disuadir da busca de emprego.
2
Tamén en apoio da RENDA BÁSICA varios colectivos lanzaron a campaña “Nin Risga, nin Ingreso Mínimo Vital. Renda básica xa! para esixir ese dereito como resposta á emerxencia sanitaria. A crise do coronavirus revelou a ineficacia das políticas sociais, namentres a Risga, de contía claramente insuficiente, non serve para erradicar a pobreza nin cubrir as necesidades básicas. A Renda básica proponse como garantía dunhas condicións de vida digna para conquistar colectivamente outros dereitos.
3
En 2007 un grupo de franciscanos inicia en Toulouse os CÍRCULOS DO SILENCIO como reacción fronte á violencia contra as persoas migrantes. A súa é unha acción non violenta solidaria que denuncia as leis contrarias aos dereitos humanos e as políticas migratorias. Pretenden concienciar sobre o sufrimento e inxustiza das persoas migrantes, promover a solidariedade e mobilizar a cidadanía para procurar unha resposta de xustiza e dignidade para elas. En Galicia reúnense en Pontevedra, Vigo e Santiago.
4
A Secretaría Xeral da Emigración puxo en marcha a AULA GALICIA ABERTA, con catro seminarios en liña (baile, gaita, percusión de man e canto e percusión tradicional). Trátase de obradoiros públicos e de balde que non precisan inscrición nin coñecementos previos e que se desenvolverán ata xuño (https://emigracion.xunta.gal/es/actividad/aula-galiciaaberta). Outras escolas de música tradicional do país comezaron tamén aulas a través de distintas canles en internet, como a E-trad de Vigo.
5
Pasear a pé polo contorno exterior da MURALLA de Lugo, reservado case na súa totalidade ao tránsito rodado, comeza a ser unha realidade. Durante a crise do COVID-19, pechouse o carril máis próximo á muralla, que foi inmediatamente ocupado por bicicletas, patíns, corredoras e paseantes en solitario ou en familia. Mais esta medida inicialmente provisional vaise converter en permanente. Esta decisión únese á xa prevista peonalización completa doutros dous tramos da ronda que rodea a muralla.
6
Os actos reivindicativos nas rúas leváronse este ano 2020 ás fiestras, balcóns e, sobre todo, ás redes sociais. O mesmo destino parece que terán os actos que, con ocasión do Día do orgullo LGTBI, terán lugar na fin de semana do 26 ao 28 de xuño e o día 28 día conmemóranse os disturbios de Stonewall (Nova York) de 1969, que marcaron o inicio do movemento de liberación homosexual. O Festival Agrocuir da Ulloa, que este ano chegaría á súa 7ª edición, tamén fica neste intre en espera.
7
As nosas FESTAS POPULARES están este verán no aire. Algunhas foron directamente suspendidas (as de gran aforo) e a maioría quedan a expensas da evolución do COVID-19. Non obstante, parece que as que se celebren optarán por acomodarse a formatos reducidos, con aforo limitado de público, sentado e respectando a distancia de seguridade, combinado con contidos en
8
No mes de maio marchou Marcos Mundstock, orador de Les Luthiers. Era, ademais, actor e locutor. Mundstock alabou a capacidade do sentido do humor para ver as cousas dun xeito distinto, lúdico e, sobre todo, lúcido onde non chegan outros mecanismos da razón. “O sentido do humor apréndese e mellora co tempo. Ninguén nace rindo”.
Non son un completo inútil. Cando menos sirvo de mal exemplo.
Ter a conciencia limpa é síntoma de mala memoria.
Calquera tempo pasado foi anterior.