1
Por mor da crise migratoria de Ceuta, máis de 2 000 menores estranxeiros non acompañados (MENAS)quedarán en España de maneira indefinida. Un grupo moi vulnerable, que os países europeos teñen pouco ou nulo interese en protexer. Así o denuncia o colectivo de xornalistas Lost in Europe, que achega o seguinte dato: desde o 2018 ata 2020 desapareceron 18 292 menas dos centros de acollida europeos.
2
O noso PATRIMONIO segue a ser atacado ante a mirada permisiva, cando non colaboradora, da Administración. A última, a corta masiva de especies autóctonas no concello de Castro Caldelas, dentro da concentración parcelaria promovida pola Xunta e financiada pola UE. A corta prodúcese seis meses despois da sinatura do Pacto pola paisaxe, no que se comprometían a velar polos valores naturais desta zona, candidata a Patromonio Mundial pola UNESCO.
3
4
O Papa segue apostando por unha IGREXA que dea testemuño e vén de anunciar a creación dunha comisión de xuristas e expertos para excomungar os mafiosos italianos. Na mesma liña, acaba de criticar tamén a venda de armas e a aqueles sacerdotes que as bendicen: “Os instrumentos de armas non deben de ser bendicidos”, unha dura crítica a sectores do episcopado americano próximos a sectores armamentísticos.
5
MARTA VEIGA vén de gañar o premio Johán Carballeira de xornalismo co artigo “Cantigas para despois dunha pandemia”, unha peza (moi recomendable) sobre o despois e o como publicado en Luzes. O artigo tamén é unha boa disculpa para achegarse á web da revista (luzes.gal) e gozar dos contidos dunha publicación nacida no ano 1985 e renacida no 2013, da man de Manolo Rivas e Xosé Manuel Pereiro.
6
Coa volta, pouco a pouco, á normalidade volven, tamén, os cursos de verán das universidades. A de Santiago ofertará este ano máis de 30, espallados por toda a xeografía galega. Ademais da capital e de Lugo, serán sede Allariz, Taramundi, Lalín, Guitiriz, Monforte de Lemos, Triacastela e Mondoñedo. Esta última acollerá o 25 e 26 de xuño o I Encontro Álvaro Cunqueiro, que busca analizar a actualidade e a vixencia do literato mindoniense.
7
DEFENDE A GALEGA cumpriu, o 25 de maio, tres anos, máis de 150 semanas vestindo cada venres de negro para reclamar autonomía profesional, protestar contra a manipulación e esixir o cumprimento da Lei de Medios, aprobada polo Parlamento galego no 2011 e que dez anos despois ten artigos clave sen cumprir. Unha mobilización inédita pola súa duración, que segue fiel ao compromiso inicial de defender “uns medios públicos libres, sen sesgo político”.
8
Os FONDOS DE INVESTIMENTO son “os novos amos do mundo”, así o afirma Martín Cúneo no dixital El Salto. BlackRock, Vanguard, State Street ou Cerberus son algúns destes xigantes que operan desde paraísos fiscais e non se someten a ningunha lexislación bancaria internacional. O meirande, explica Cúneo, é BlackRock, e ten nove billóns de dólares en activos, o equivalente a sete veces o PIB español e o dobre do banco máis grande do mundo. Se fose un país, sería a terceira potencia mundial, por detrás de EEUU e China.