1

RÁDIO FILISPIM

No 93.9 da FM pódese escoitar na comarca de Ferrol RÁDIO FILISPIM, unha iniciativa tamén accesible por internet do Colectivo Ondas Para a Activación da Información Independente (OPAII). Esta radio libre e comunitaria quere dar voz a persoas, colectivos, redes sociais e culturais da comarca que non poden acceder aos medios convencionais ou que estes silencian. O Colectivo OPAII e a Rádio Flispin teñen un funcionamento asembleario e actúan dende o local, poñendo as persoas no centro do modelo.

2

A veciñanza de Ponte Caldelas decidiu refrendar un manifesto como base da “PLATAFORMA POLA DEFENSA DOS RÍOS OITAVÉN E VERDUGO – ENCORO NON”. O centenar de entidades que a conforman, entre comunidades de montes, asociacións veciñais, culturais, ecoloxistas, de mulleres rurais e outras, rexeitan o estudo que propón a creación dun encoro no río Oitavén e o transvase no río Verdugo, para abastecer de auga a Vigo e ao sur da provincia de Pontevedra.

PLATAFORMA POLA DEFENSA DOS RÍOS OITAVÉN E VERDUGO – ENCORO NON

3

MONTES DO GATO

Ao tempo que seguen activas polo país moitas iniciativas veciñais para frear a instalación de parques eólicos, outras loitan para declarar algúns espazos naturais como zonas protexidas. É o caso dun grupo de mulleres dos MONTES DO GATO, que promoven en Change.org unha petición dirixida ao concello de Oza-Cesuras e á reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo para que declaren os Montes do Gato parque natural.

4

Conmemoramos o pasado 17 de maio as nosas letras da man de Florencio Delgado Gurriarán con varios actos ao longo do país e tan só un día despois marchou o pai literario do inspector Leo Caldas, DOMINGO VILLAR, home bo, brillante, vital e xeneroso, segundo quen o coñeceu. Domingo Villar levou a ría de Vigo como fondo das súas historias a moitos lugares a través das súas obras, que foron traducidas dende o galego a diversas linguas.

DOMINGO VILLAR

5

GAITA

No Museo de Pontevedra volveu sonar a GAITA máis antiga de Galicia. O musicólogo Pablo Carpinteiro desenvolveu un método matemático para calcular a antigüidade dos punteiros a partir do desgaste que os dedos provocan na madeira; estima que este ten entre 550 e 600 anos. O investigador defende que chegaron aos nosos días “porque son obxectos valorados pola xente, simplemente. As que tocaban ben pasaban de man en man, de xeración en xeración”, que puideron ser doce ou catorce no caso desta.

6

O pasado 14 de maio celebrouse unha consulta popular estatal non vinculante dirixida á poboación, para que puidese pronunciarse sobre a forma do Estado que libremente escollería: monarquía ou república. Instaláronse 724 mesas, participaron máis de 4000 persoas voluntarias e houbo 81 617 votantes. A opción republicana acaparou o 93,25 % dos votos e a monárquica o 5,81 % (https://plataformaestatalmonarquiaorepublica.org).

Plataforma consulta popular

7

podgalego

Para quen goste ou se queira iniciar no mundo dos podcast (pezas de audio de todas as feituras que se poden descargar de internet e escoitar a vontade), ten unha aliada básica en PODGALEGO (https://podgalego.agora.gal). En Podgalego crean comunidade, recollen e difunden recursos e proxectos de cultura, feminismo, deportes, gastronomía, banda deseñada, cine e moitas outras categorías ás que acceder con facilidade.

8

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas rexistrou na Consellería de Cultura unha solicitude para declarar a APICULTURA patrimonio inmaterial da humanidade. A iniciativa desenvólvese dentro dunha estratexia estatal que recolleu 110 000 sinaturas de apoio, reveladoras da sensibilización da sociedade respecto ao valor da apicultura no mantemento dos ecosistemas e a biodiversidade.

APICULTURA