1
Os estudos científicos testemuñan a DIMINUCIÓN DOS NIVEIS DE MINERAIS E VITAMINAS en hortalizas, froitas e verduras nas últimas décadas. As causas de que mingüe significativamente o contido de calcio, ferro, fósforo e as vitaminas B2 e C sitúanse na perda da fertilidade biolóxica do solo (por contaminación, salinización e erosión), na práctica da agricultura intensiva, no aumento do CO2 na atmosfera e nas colleitas prematuras.
2
O SLG presentou alegacións no concello de Ribadeo fronte ao anuncio da aplicación dun HERBICIDA moi tóxico no trazado do gasoduto entre Porto de Arriba, en Ribadeo, ata Celeiro, en Viveiro. O sindicato indica que o produto é moi prexudicial para os organismos acuáticos, causa reaccións alérxicas na pel e danos no ril, e mesmo existen estudos que o catalogan como altamente canceríxeno, ao tempo que propoñen como alternativa a roza mecánica.
3
PERLA, nome elixido por Silvia Ayang para nomeala, foi entrevistada na revista Irimia aló polo 2021. Dende o día 1 de xuño deste ano, a editorial Penguin Random House distribúe o seu libro España no es sólo blanca, no que Perla conta dun xeito diferente historias de persoas que foron silenciadas. Hoxe ela é unha poderosa voz do activismo antirracista, dando visibilidade á poboación afrodescendente en España e compartindo información relevante do continente africano.
4
O 1 de xullo comeza a presidencia española do Consello da UE, dentro da que se pretende aprobar un PACTO CON MERCOSUR (Arxentina, Brasil, Paraguai e Urugai), que xa denunciaron centenares de entidades da sociedade civil. A UE adquiría carne, soia, etanol e minerais máis baratos e exportaría automóbiles e produtos químicos case sen aranceis. O acordo levaría á desaparición de pobos indíxenas e deixaría os países americanos dentro da lóxica colonial como simples subministradores de materias primas.
5
Miguel Sánchez Zambrano acaba de publicar HOMOSEXUALIDAD. LAS RAZONES DE DIOS (Ed. San Pablo). O autor escribiu o libro dende o respecto e o amor á Igrexa, co obxectivo de provocar o diálogo e de incentivar o afondamento sobre este tema, ao tempo que propón un cambio real nos eidos da política, a cultura, a sociedade, nas familias e na relixión, que leve á aceptación das persoas á marxe da súa identidade sexual.
6
En resposta ao chamamento do papa Francisco na defensa do traballo digno, varias organizacións de inspiración católica e congregacións relixiosas pulan dende o movemento IGREXA POLO TRABALLO DECENTE (ITD) por crear un contorno axeitado de traballo para enfrontar os desafíos da crecente inxustiza social e da desigualdade. Entre os seus compromisos, está facer visible e denunciar nos medios a desigualdade no acceso ao traballo digno e a perda de dereitos laborais e sociais.
7
A REDE ELÉCTRICA española (REE) vese cada vez con máis frecuencia na obriga de parar algunhas plantas de enerxía eólica e fotovoltaica. É o que denominan curtailment e acontece porque se produce moita máis enerxía da que se demanda. Esta situación, lonxe de solucionarse a curto prazo, prevese que vai empeorar no futuro se non se habilitan sistemas de almacenaxe da enerxía, tamén tendo en conta as políticas actuais de expansión das renovables.
8
O Día das Letras Galegas saíu FERRO E PEDRA: HOMENAXE AOS PRECURSORES, unha compilación na que dez bandas galegas de rock actuais homenaxean a outras tantas históricas que xa non existen, mais que foron fundamentais na música galega. De momento, o acceso aos temas é só posible a través de YouTube, pero estase a preparar a súa dispoñibilidade noutras plataformas e mesmo unha edición física. Case todos os temas están en galego e as bandas escolleron formacións da súa zona para versionar.