1

acampada de estudantes universitarios a prol de Palestina
Comezaron nos Estados Unidos e axiña se espallaron por Europa. As ACAMPADAS do estudantes universitarios a prol de Palestina multiplicáronse por distintos países e chegan tamén a África. A primeira do estado español foi na Universidade de Valencia, e en Galicia iniciáronas estudantes da facultade de Ciencias da Educación da UDC. Pola súa banda, o colectivo Erguer está a convocar distintas accións de protesta ao longo do país.

2

A LIGA SANTABALLESA naceu na Habana en 1907. O 7 de outubro dese ano, 57 persoas acordaron fundar unha sociedade a prol da educación. Coas súas aportacións lograron construír, dotar e por en funcionamento una escola en Santaballa á que se sumaron co tempo outros dous edificios en Bordelle e en Fontepisón. Hoxe é un centro multiusos xestionado pola veciñanza que conserva un pequeno museo cunha aula e a zona onde moraban os mestres, ademais doutros espazos para o desenvolvemento de actividades.

Escola da Liga Santaballesa

3

Campo de MAUTHANSEN
Contra o imaxinario colectivo, no que tiveron moito que ver as películas de Hollywood, os datos lembran que no fin da II Guerra Mundial, a liberación do Campo de MAUTHANSEN non se produciu pola intervención das tropas norteamericanas. Foi una organización clandestina internacional na que participaron presos españois a que salvou moitas vidas e acabou por liberar Mauthansen antes de que chegasen as tropas aliadas.

4

No ano 2020 naceu o primeiro sindicato de traballadoras do fogar e os coidados (SINTRAHOCU), reivindicándose como un espazo para o encontro, a organización, a aprendizaxe e para compartir saberes, actuando en defensa dos dereitos laborais do colectivo. 280 das súas integrantes participaron en Vigo nas mobilizacións do 1 de maio demandando condicións laborais dignas e a fin dos abusos que padecen. A maioría das mulleres do grupo son mulleres migrantes.

Trabajadoras del Hogar y los Cuidados (Sintrahocu)

5

Regressar
O Museo do Pobo Galego acolle ata xullo a mostra “Regressar”, de RAQUEL DÍAZ. Trátase dun proxecto de libro ilustrado sobre a historia recente da Beira Alta portuguesa narrada a través da memoria popular. Amosa con testemuños como mudou a vida no lugar, dedicado antano á agricultura e ao pastoreo e hoxe envellecido e deteriorado. Esta zona interior coñeceu varios procesos migratorios na súa historia que a mostra revisa da man da comunidade, escoitando a voz das persoas que a conforman.

6

O libro máis lido, publicado e vendido do mundo, a BIBLIA, demorou 16 anos en ser traducido ao galego. Os traballos comezaron en 1974, tomando como punto de partida as linguas orixinais. Para a traducción e publicación contouse cun equipo de 35 persoas (mais as propias da editorial SEPT) que foi coordinado por Xosé Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga. Finalmente a primeira edición veu a luz en 1989, e a última das publicadas ata agora, a cuarta, en 2022.

logo A BIBLIA SEPT

7

Portada Conversas do padre Bieito Santos
Precisamente a mesma editorial, SEPT, publicou da man de Silvestre Gómez Xurxo e Francisco Domínguez o libro “Conversas do Padre BIEITO SANTOS, CURA OBREIRO”. Bieito Santos, xesuíta, exerceu como crego en Vigo dende os anos 70. Recibiu unha homenaxe en abril durante a que foi presentada a publicación, e na que se lembrou a súa condición de activista na defensa dos dereitos humanos e do uso do galego na liturxia.

8

A cineasta SONIA MÉNDEZ, autora do documental sobre Luz Fandiño “A poeta analfabeta”, estreou a súa primeira longametraxe en cinemas de toda Galicia. A película “As Neves” foi rodada na Fonsagrada, e ofrece unha proposta centrada nun grupo de mozas e mozos adolescentes aos que posiciona nunha zona na que transitan entre o illamento e a hiperconectividade que ofrecen as redes sociais. A historia comeza nunha noite de entroido…

Cartel película AS NEVES