A enfermidade é a cara nocturna da vida, unha cidadanía máis cara. A todos, ao nacer, outórgannos unha dobre cidadanía, a do reino dos sans e a do reino dos enfermos. E aínda que prefiramos usar o pasaporte bo, tarde ou cedo cada un de nós vese obrigado a identificarse, polo menos, por un tempo, coma cidadán daqueloutro lugar. Con estas frases comezou Susan Sontag o seu ensaio A enfermidade e as súas metáforas, un libro que, canda A sida e as súas metáforas, segue en esencia vixente, e máis nun tempo no que a COVID pasou a engordar o catálogo dos males temidos por todos.

Non lembramos ningunha enfermidade cun impacto social tan grande como a COIVD, unha enfermidade que une dous males: a nosa ignorancia ante ela e a enorme vulnerabilidade que nos fai sentir. Malia a resistencia social que amosamos para cambiar os nosos hábitos, paseniñamente a COVID xa non so dificulta, senón que impide a nosa relación cos demais.

Todo o noso sistema afectivo de proximidade co outro encóntrase hipotecado

Cando descoñecemos a orixe dunha enfermidade, a forma de contaxio ou a cura, adoitamos buscar explicacións que nos permitan comprender o inexplicable. Os pobos antigos fabricaron os seus mitos (Adán e Eva, os deuses do Olimpo, etc.) Hoxe, desde a superioridade do coñecemento, burlámonos da inxenuidade destas historias. Pero cando regresamos a ese punto de partida da ignorancia (como nos pasa na actualidade coa COVID-19), seguimos facendo o mesmo: asociamos a enfermidade á laxitude moral dos que a padecen; ou culpamos os outros, ben sexan estranxeiros ou membros dunha minoría temida. A que asociamos a COVID? Á crise ecolóxica, á guerra biolóxica, aos intereses económicos entre nacións, á conspiracións, á incapacidade política de tomar medidas eficientes (existen?), á despreocupación de grandes sectores da poboación que se cren invulnerables.

Ante o medo de que todos poidamos ser transmisores, intensificamos a prudencia, caneamos a relación ou recluímonos na nosa zona de seguridade. Nos lugares nos que nos rodeamos de xente máis prudente ca nós, alixeiramos a protección. Nos lugares máis descoidados, intensificámola.

Parafraseando a Susan Sontag, poderiamos dicir que, amadriñadas pola enfermidade, as apertas e os encontros cos nosos coñecidos son o novo rexistro de medos nos que vivimos hoxe. Nunha pandemia na que se enxerga a curto prazo unha vacina, pero da que parece distante a curación, todo o noso sistema afectivo de proximidade co outro encóntrase hipotecado polo medo ao contaxio.

En paralelo á investigación médica e ao reto económico, está e estará a recuperación do noso mundo afectivo.