Retorna a conciencia ecolóxica como agromo necesario para coidar o planeta. Periodicamente menosprezamos o impacto negativo que a nosa pegada ten no medio ambiente, pero puntualmente volvemos sentir o alento ecolóxico. Esa conciencia recupera a austeridade contraria ao consumismo, obríganos a tratar os residuos como posibles materias primas e non como lixo, e tamén nos obriga a comprar menos, pero máis caro, porque os bens producidos ecoloxicamente, por forza, deben ter en conta os custos necesarios para non agravar a situación do medio afectado pola súa produción. Claro que podemos pensar que sempre nos toman o pelo e que o único que queren é quedar cos nosos cartos. Cada quen que elixa a forma na que quere ser crédulo.

Poderemos poñer límites á nosa capacidade de destrución do planeta?

As tres erres como mantra ecolóxico. Construímos a nosa economía ao redor da satisfacción das necesidades. E cantas máis necesidades satisfixemos, máis necesidades fomos alimentando, porque a habilidade creativa do ser humano camiña da man da súa capacidade para marabillarse con todo o creado, natural ou industrialmente.

Fomos creados para ser impresionables. Para ser deslumbrados por todo o que nos rodea. E realmente queremos vernos e por iso viaxamos, queremos disfrazarnos e por iso cambiamos continuamente de vestiario, queremos vivir en mellores casas, con mellores mobles e cunha mellor sanidade. Pero esa xenuina capacidade de goce creativo estalle xogando unha mala pasada ao planeta, porque tanto apetito e tanta ansia necesitada obriga a continuar coa produción. Non temos paradura.

Seremos quen de acompañar a terra en vez de seguir conquistándoa? Poderemos respectar os espazos virxes para que o resto de especies poidan, tamén, gozar do medio sen ser amoladas pola panda de ansiosos humanos coa que cohabitan? Poderemos poñer límites á nosa capacidade de destrución do planeta? Poderemos seguir creando en equilibrio co resto de seres vivos co que tivemos a sorte de evolucionar ata aquí? Se chegaron con nós, igual é que os necesitamos para seguir vivindo…