Desde o comezo da transición, a maioría nacionalista medrou ao redor da construción dunha España plurinacional. Foi clave para que todos aprendésemos a valorar a inmensa riqueza lingüística, musical, literaria e natural da Península. España non eran so praias, toros, música lixeira e español. Había numerosas minorías silenciadas que fomos descubrindo como nosas. Fomos creando un envoltorio que pretendía coidar todo aquilo que moitos estados da nosa contorna mutilaran irreversiblemente había moito. Con enorme timidez e exasperante lentitude fomos creando unha España que era un enorme crisol cultural que necesitaba mimarse e ser protexido da tentación unificadora que todo o homoxeneizaba.
A ideoloxía é a elección do adversario o que insultar.
Pero as cousas truncáronse, e o pensamento de “un Estado, unha nación” acampou en Madrid, Cataluña, e o País Vasco. E aínda continúa embelesado nese discurso semifascista dunha única cultura de seu, chámese española, catalana ou vasca, buscando a súa lexitimidade no relato histórico que máis se aveña aos intereses políticos de cadaquén.
Non podemos facer relato da nosa convivencia. O que temos é que dialogar, enfrontar as opinións nas urnas e debater nos medios. O semifascismo está filtrándose por todos os poros do noso pensamento político porque andamos absortos nun onanismo que ve o outro como inimigo e que cualifica posturas como irreconciliables, porque as culturas, seica, son patrimonios históricos pechados, materializados en nacións mutiladoras da diferenza, proveña esta de onde proveña.
E as posturas irreconciliables aumentan. E os extremos imántanse, necesítanse. O diálogo imposible. Cadaquén vixiando cadansúa leira estremeira, non vaia ser que se contaxie da cultura do adversario. A historia da nosa relixión seica nos vacinara contra a tontería puritana. Pero estaba equivocado. A miña razón fundaméntase na vexación do contrario. Ceder é de mediocres. A ideoloxía é a elección do adversario ao que insultar.