A existencia dun goberno progresista é moi esperanzadora para moitos colectivos que agardan un xiro social na forma e no fondo de facer política. As expectativas poden ser tan grandes que causen desilusión se non se acadan eses cambios transformadores que tanto agardamos. A esquerda confúndese demasiadas veces coa maxia, porque cremos ilusamente que todo canto se pensa, pódese realizar. Parte da responsabilidade é daqueles políticos que prometen todo aquilo que desexamos, por complicado que sexa. Cómpre manter o equilibrio decotío entre ilusión e realidade, especialmente para non acabarmos caendo no cinismo de tantos políticos que prometen cousas que non saben como facer, e co tempo renuncian a elas coa mesma facilidade coa que as abrazaron. É necesario ver ata onde podemos materializar o soño construtivo da esquerda, un soño que pretende demostrar que a maioría da xente pode vivir mellor aplicando a súa ideoloxía. Pero materializar os soños require altas doses de paciencia, ordenar preferencias e dispoñer os prazos para os desexos. O maior soño que conseguimos hai 50 anos foi que a maior parte dos cidadáns crea que a continuidade da democracia é posible, algo excepcional nun país repleto de visionarios que saben mellor ca ningúen o que se necesita, e buscan a metade máis un para impoñerse aos demais.

O verdadeiro soño que garda a esencia da esquerda é a igualdade de oportunidades

De todas formas, o verdadeiro soño que garda a esencia da esquerda é a igualdade de oportunidades. A fiscalidade é o cerne das políticas progresistas. Necesitamos buscar formas mediante as que os que máis teñen poidan compartir a súa sorte económica cos máis necesitados, esquivando aqueles que buscan comodamente parasitar os demais. A cada un, segundo a súa necesidade, pero de cada un, segundo a súa capacidade. As taxas sobre comercio dixital e sobre operacións financeiras (taxa Google e taxa Tobin) son ferramentas necesarias que deben irse construíndo de forma harmonizada en todos os países, pero ao mesmo tempo son algo polo que non podemos agardar sine die. Non podemos ir no furgón da cola fiscal. Pero tan importante como aplicar fiscalidades progresivas é usar socialmente o gasto de forma produtiva. E non é nada doado. Demasiados políticos queren vivir a costa de absurdas regalías, e demasiados cidadáns buscan trampear as axudas e subvencións, evitando o necesario esforzo co que as persoas gañan a vida.