En 2012 aprobouse a Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sostibilidade Financeira, que tiña a intención de reducir o nivel de endebedamento público das distintas administracións. Os concellos e as deputacións pasaron nestes oito anos de seren en gran medida deficitarios a acumularen uns aforros de entre 15 000 e 22 000 millóns de euros. Tradicionalmente os concellos non tiñan gran problema para usaren eses aforros nos exercicios futuros, pero a lei puxo moitas trabas a ese xeito de actuar, facéndoo inviable na práctica para moitos. A lei prohíbelles o déficit, pero, ademais, o diñeiro que lles sobra cada ano non pode ser gastado en anos posteriores.

Concellos, por que non financiades o Goberno do Estado sen xuros?

A paradoxa dunha práctica que, a simple vista, parece positiva na vida privada trae problemas para as administracións públicas. Un deles é que se calcula que lles teñen que pagar aproximadamente uns 700 millóns de euros ás entidades financeiras por teren os cartos nas súas contas. Por que? Porque lles cobran xuros negativos. Os aforradores queixámonos de que os bancos non dan nada polos cartos…, pero é que en determinadas circunstancias e a determinados clientes xa non é que lles dean pouco, é que lles quitan polo que teñen.

Ao mesmo tempo, o Goberno do Estado está recorrentemente acudindo aos mercados a endebedarse, e todo augura que nos vindeiros meses esa tendencia irá en aumento, debido á baixa de recadación que sufrirá e ao aumento das necesidades de gasto que a pandemia está xerando.

É neste contexto cando xorde esa peculiar idea.

Concellos, por que non financiades o Goberno do Estado sen xuros? Devolveravos eses cartos en dez anos e, a cambio, daravos unha serie de vantaxes que vos permitan dispor de máis fondos en 2021. Esa negociación, salvada cun voto de calidade, materializouse no Acordo entre o Ministerio de Facenda e a Federación Española de Municipios e Provincias para a liberación dos remanentes e o uso do superávit por parte dos concellos. O acordo non ten contido obrigatorio, polo que cada concello pode escoller adherirse ou non.

Todo apunta a que non vai poder convalidarse no Congreso o texto que aprobe o Consello de Ministros mediante Real Decreto Lei. Así que, durante as vindeiras semanas, asistiremos a unha negociación de máximos e mínimos que posiblemente se salve por moi poucos votos, propiciados polos partidos que, tradicionalmente, teñen máis cintura para negociar fronte aos que sempre encontran un motivo para, na práctica, votar en contra e quedaren moi tranquilos sen conseguiren nada.