Os hábitos de comercio seguen dixitalizándose e as cidades ínzanse de baixos comerciais baleiros. Son restos de moitas desafortunadas aventuras económicas de autónomos que non tiveron éxito. Son moitos os comercios que malamente duran máis de dous anos abertos desde a súa apertura. A tendencia parece imparable. Estamos mudando o comercio físico polo dixital, poñendo en perigo de extinción o comerciante pequeno. Cremos que mercamos máis barato. Pechamos comercios.

O comercio está nunha encrucillada. A cidade tamén.

O comerciante pequeno sempre foi unha figura ambigua. Mentres lles agradeciamos que nos trouxesen o mundo ás nosas vilas, desconfiabamos dos prezos que nos cobraban. Antes de que existisen as rebaixas, a palabra comercial máis empregada era “Afíname!”. Para que che afinasen ou axustasen un prezo, tiñas que relear co comerciante e así se establecía un pulso entre as gañas de comprar e a necesidade de vender de cadaquén, un pulso no que as novas xeracións nunca nos sentimos moi cómodas.

Convivimos cos comerciantes durante toda a vida, xa que as cidades se foron construíndo ao redor das zonas comerciais, lugares que xunto á igrexa e a escola eran os centros de encontro dos seus habitantes.

Agora estamos valorando máis o mundo dixital ca o contacto físico. Internet nunca remata e parece que ofrece todo máis barato. Ofrécenos unha enorme comodidade e facilita as nosas eleccións e, fundamentalmente, amplíanos enormemente a información sobre o que compramos.

Pero nunca a evolución tecnolóxica foi tan asocial. Xa podemos traballar, mercar e vivir practicamente sen contacto humano. A alquimia dixital converte as relación humanas en códigos binarios e substitúe as palabras por teclas e pantallas. Esa comodidade tecnolóxica que nos evita a relación co outro pode acabar alleándonos.

Posiblemente lle teñamos que pedir novos esforzos ao comercio de proximidade, pero ese progresivo abandono ao que o estamos sometendo está desertizando as nosas rúas, cambiando os espazos de relación ou, ás veces, facendo que simplemente desaparezan. Nas parroquias era o adro da Igrexa; nas vilas, a praza central e nas cidades as rúas comerciais. As persoas sempre construímos espazos físicos para vernos e falarmos. A tecnoloxía dixitaliza as nosas relacións, facilita as nosas compras e o noso traballo, pero constrúe novas barreiras entre as persoas. Necesitamos saír da casa para vernos, xa non digo tocarnos. O comercio está nunha encrucillada. A cidade tamén.