Benvido 2020 de incerteza económica e política enrocada. Inauguramos un ano no que de novo teremos dificultades para chegar a acordos cos adversarios políticos. Posiblemente a todos nos guste máis embarcarnos cos veciños de pensamento, pero cando as sumas son tan precarias, os resultados poden ser moi diferentes dependendo con que espírito as fagamos: poden ser fascinantes se as fórmulas plurais se forxan para construír proxectos comúns, ou demoledores, se a territorialización monopoliza todo.

Cal será o cemento que una o novo goberno: un proxecto fiscalmente progresista e culturalmente común e plural ou un baixo continuo de microdemandas quehaydelomío?

Pode ser fascinante se as fórmulas plurais se forxan para construír proxectos comúns

Ata este momento, todos os bloqueos orzamentarios trouxeron moitas ledicias aos que os tumbaron, pero todos vivimos peor cos orzamentos prorrogados ca con eles aprobados, por imperfectos que fosen. E iso deberiámolo ter claro cada vez que aplaudimos bloqueos, á súa aprobación tan ocorrentes como oportunistas.

Como votantes vemos mal que os nosos políticos se acheguen aos adversarios, sentímolo como unha traizón ao mandato das urnas. Ese é o clima xeral.

Galicia tamén será escenario político. Unha vez se conforme o goberno do Estado, comezará a conta atrás para as nosas eleccións, aquelas nas que a esquerda tradicionalmente prefire ir fragmentada ca cunha estratexia común, posiblemente porque sexa máis cómodo ser fiel ás nosas ideas ca ter que pactar obxectivos comúns renunciando a algúns dos propios.

Pero, neste momento, hai un único obxectivo que debería galvanizar a nosa política: o declive demográfico. Todas as áreas políticas deberían encamiñarse a construír un país no que poidamos criar os nosos fillos sen asfixiarnos polo camiño, renovarnos. Non temos un país para os novos.

2020 é un ano no que despediremos a seres queridos, pero tamén lle daremos a benvida a aqueles que definan a Galicia do futuro. Sería bo deixarlles un país laboralmente atractivo, ecoloxicamente sostible e humanizado…, polo menos en parte. A natureza require espazos de seu nos que debemos evitar acceder porque neles a nosa presenza invade, amola e despraza o resto dos seres vivos. Será un ano no que teremos a ocasión de poñernos límites medioambientais, ideolóxicos e consumistas. Empequenecernos para que os máis febles medren.