Os vinte e moitos protagonistas da novela Corazón xiratorio de Donal Ryan son veciños dunha vila irlandesa nos anos seguintes ao estoupido da burbulla inmobiliaria. En cada veciño os efectos son diferentes, aínda que con clara tendencia ao malestar. As vinte e pico vidas cruzadas que se nos van contando durante a narración da novela desmontan as imaxes simples sobre as que construímos a nosa percepción dos demais, aínda que tampouco saian absoltas dos seus egos.
Aínda notamos agora os efectos dunha depresión que freou a enchente financeira que nos fixeron e quixemos vivir. Tardaremos en coñecer os cambios que se foron e van producindo entre as distintas xeracións. Os novos empregos no sector privado mudaron substancialmente, mentres que o emprego público contribuíu a estabilizar a economía de moitas persoas.
A música que veu despois da crise, o trap, posiblemente sexa o fenómeno musical que maior repulsión xerou nas últimas dédadas e porén triunfou entre os máis novos. Non é unha música exenta de valores, pero que tamén arrastra actitudes que non provocan indiferencia. A música do desencanto triunfou cunha mensaxe menos pacífica ca a que tiñan outros movementos musicais.
A reacción ao crack inmobiliario e os efectos que tivo nas políticas de benestar provocaron e provocan respostas rotundas, diferentes segundo a ideoloxía que nos teña tomado o corazón, pero todas cun claro sesgo esencialista. As grandes solucións que comezaron a vir da esquerda a través das mareas, Podemos ou do propio independentismo catalán, xermolaron tamén no sector conservador da sociedade a través de formas que xa non se avergonzan da súa contrarréplica ideolóxica.
Achacamos o crack económico aos anos de corrupción e indirectamente atribuimos a corrupción ao excesivo entendemento entre as elites políticas. Algo que avinagrou o consenso e predispuxo a moita xente a abandonar o barco do entendemento. Mellor protestar que propoñer. Non sabemos se a política actual se basea nun entendemento entre o bloque de esquerda ou nunha ruptura total cos partidos de dereita. Son cousas diferentes e producen efectos distintos. O mellor trap e a mellor música latina urbana non se crea rexeitando o rock nin a música electrónica, senón buscando unha resposta musical diferente ao ritmo que sae do noso corazón.