“Nun lapso de seis ou sete meses, máis de oitenta mil nenos indocumentados chegados de México e do Triángulo do Norte de Centroamérica, pero sobre todo deste último, foran detidos na fronteira sur de Estados Unidos… Os nenos procuraban simplemente unha escapatoria do seu pesadelo cotián”.
En Desierto sonoro, a mexicana Valeria Luiselli narra a forma na que unha familia en proceso de ruptura vai confluír, dunha insólita forma, triste e dura, pero non violenta, coa historia de varios nenos perdidos nalgún punto da fronteira entre México e EUA.
Todos apelamos ao reparto da riqueza, pero ninguén parece querer repartir
Seguimos sen atopar unha saída xusta e humana a unha situación tan demoledora como a que viven millóns de persoas desprazadas polo mundo. E cando as vítimas son cativos, o desgarro social é evidente. Desierto sonoro consegue que nos apropiemos de parte do medo e da dor que tantísimas familias están padecendo a diario na ruta que se viron obrigados a emprender os seus membros máis cativos.
Mentres, o imposible reparto da riqueza semella cada vez máis unha quimera. Seremos quen de frear o aumento exponencial da desigualdade no noso mundo? O reto ecolóxico condiciona a supervivencia na Terra, pero tamén a pobreza e a miseria coas que tratamos os que nos son distintos, e que deshumaniza a convivencia nas nosas cidades. Facemos familiar o feito de vivir con desconfianza entre tribus. E case sen saber como, creamos un estado de opinión que nos fai ver a miles de persoas como delincuentes. A escaseza de estratexias para a integración parece conducirnos a vivir cunha fenda crecente entre barrios, cidades, países e continentes.
É imposible vivir con niveis de desigualdade crecentes. É imposible vivir con centos de vivendas baleiras e miles de persoas sen teito vagando polas nosas cidades. Os nosos responsables políticos deben comezar a espremerse os miolos; deben buscar solucións, prácticas e efectivas, á ecuación da pobreza local, para poder dar o salto contra a pobreza global. Necesitamos algo máis que mensaxes conciliadoras. Da mesma forma que todos apelan ao diálogo, pero ninguén parece realmente querer dialogar, todos apelamos ao reparto da riqueza, pero ninguén parece querer repartir.