Eu son o Erro e a Vida, escribe Juan Benet nunha das súas Trece fábulas e media. É una frase que resoa na miña cabeza cada día ao ver as cifras que produciu e produce a evolución da pandemia nestes doce meses.
Realmente son incapaz de diferenciar os acertos e os erros dos nosos políticos no último ano. Todo cargo político ao que lle estea tocando lidar coa pandemia está cascando en maior ou menor medida. Equivocándose de moi diversas maneiras, como non podería ser doutra forma, pero evitando recoñecer os erros nun escenario político que por veces semella un galiñeiro.
Normal que nos sintamos frustrados ao ver que despois de tanto tempo o horizonte non pinta moi favorable. Ao comezo da pandemia florecían casos de países que estaban combatendo o virus exemplarmente. Hoxe, cadaquén erra dunha forma diferente, e erra dando continuos pasos en falso, mudando de seguido as súas medidas anticovid, maladaptándose a unhas cifras que se resisten testudamente a minguar.
En xeral, o que observo é que cando as cifras sanitarias son boas, criticamos a xestión económica da crise. Cando as cifras sanitarias empeoran, ademais de indignarnos, cruzamos os dedos agardando que os nosos sexan os que teñan máis tino na xestión da crise, non vaia ser que da pandemia saia reforzado o rival político.
Cando insistimos en non politizar o tema covid, estamos pedindo que a pandemia se aparte da crítica, do debate político, de forma que os que gobernan en cada sitio poidan aplicarse exclusivamente en atacar o bicho e non repartir forzas entre atacalo e defenderse dos seus rivais políticos. Pero, se o pensamos ben, a esencia da nosa democracia é a continua crítica política que pon en dúbida as decisións dos que gobernan.
E aínda así, a verdade é que, por momentos, preferiría non ter que oír diariamente as oposicións cargando contra cadanseu goberno e, posto que non parece haber grandes solucións que reparen de inmediato o problema, polo menos que deixen traballar aos que lles tocou estar aí, coa necesaria calma e humildade. Porque os dirixentes podían intentar, á súa vez, non chufarse constantemente dos pequenos éxitos e desculparse algunha vez dos sonoros desacertos que tan irremediablemente se producen e se producirán cando enfronte hai algo coma isto.
Porén, outras veces resístome a ese criterio, e necesito que me digan como van as cousas, por que tomamos unhas e non outras medidas políticas, de forma que a nosa opinión non sexa un acto de fe cara os nosos, senón cara os acertos, veñan de onde veñan. Necesito a crítica, aínda que ás veces só nos ocupemos de empoleirar erros.
O que si teño claro é que prefiro que sigan todos e todas por agora, que non dimita ninguén, porque valoro máis a experiencia dos desacertos que a promesa da mellor preparación, e porque agardo inocentemente que endereiten o camiño tan asilvestrado no que andan. Que terrible conclusión! Pero se cadra é a que me pide o corpo a estas alturas.
Dimitide… ou descansade, pero cando pasemos isto, non antes.