O virus chegou para lembrarnos que somos unha praga. Con ese apetito insaciable que demostramos consumindo recursos a maior velocidade da que se xeran, sometemos o planeta a unha lenta pero continua destrución, así que… imos ter que formatearnos.

Ninguén sabe como sairemos desta pandemia, e mentres nos afanamos en demostrar que os feitos nos dan a razón e que os outros son os culpables, corremos o risco de non aprender nada e seguir fortalecendo a deriva política frontista na que nos instalamos hai ben tempo.

Todo apunta a que unha gran parte do discurso ecolóxico que antes viamos coma un luxo, vaise converter en necesidade e afectará tanto á nosa forma de construír as vivendas e as cidades como á organización dos nosos espazos de traballo e de ocio.

Necesitamos repensar como podemos vivir no mundo

Todos estamos comezando a repensar os nosos traballos en termos de teletraballo. O presencialismo, esencia laboral do noso país, está en franca retirada e é cada vez máis posible que nos centremos no traballo real que hai que facer e non no mero cumprimento asistencial. O traballo debe encamiñarse cara a darlles liberdade aos empregados para que fagan cando e como mellor poidan, sen ter que render acatamento ao mundo físico da oficina, e tamén axudando os traballadores que xa non son tan necesarios a reciclarse e volver de novo á actividade produtiva real… porque son necesarios.

Por outro lado, a recente aversión ao diñeiro físico vai legalizar moitas transaccións económicas e obrigar, por exemplo, as clínicas privadas a non cobrar en negro. E, de paso, as froiterías, os talleres e demais negocios, que acotío agradeceron cobrar en metálico e agora aceptan gratamente cobrar con calquera medio de pago dixital, transferencia, Bizum, tarxetas virtuais, etc.

De novo agradeceremos o mimo personalizado da froiteira ou da peixeira, valorándoo máis ca a impersoal atención do hipermercado, porque preferiremos facer os pedidos sen desprazamento físico, aínda que confiamos máis en quen imos coñecendo ca nunha marca.

Posiblemente, sobrevivan as actividades económicas realmente útiles, mentres que outras máis secundarias e asociadas á distinción e ao bo vivir perdan tirón. O realmente necesario ten que valer máis. Pero, nunca se sabe, a capacidade deste sistema para facerlle sentir a moita xente que é rica segue asombrándome.

Os empregados públicos, con razón, veremos un novo recorte económico. Temos que adaptarnos a unha sociedade que necesita a nosa actividade nos sectores esenciais do mundo académico, sanitario ou social, pero con demasiada frecuencia o único que facemos é enrocarnos nos nosos dereitos e non asumir a flexibilidade como elemento fundamental de calquera traballo, con máis razón se é un servizo público.

Pretender que os produtores de cultura sigan entregándonos a súa obra de forma gratuíta é tan abusivo como insostible. Se queremos un país con escritores e con información, haberá que comprar libros e pagar medios de información.

O coronavirus veunos lembrar que “moito quere o tolo e máis é quen llo dá”. Necesitamos repensar como podemos vivir no mundo con dignidade, sen pobreza e, a ser posible, sen perder a cabeza.