Eisejuaz é un indio mataco no que se inspirou a escritora arxentina Sara Gallardo para escribir, en 1971, unha novela desconcertante na que se narra a chamada divina que recibe Eisejuaz a través dunha lagarta, e que lle fai renunciar a todo. Sara Gallardo é unha das grandes antecesoras da excelente xeración actual de escritoras latinoamericanas que lentamente se vai consolidando nos catálogos das nosas editoriais. Eisejuaz é un punto de ruptura entre o mundo indíxena e o extractivismo occidental: “(…) bótannos de aquí. Necesitan a terra para plantar caña. Pero é mellor así.”

Un choque entre dous mundos e dúas formas de entender o vivir. E como a cabeza é caprichosa e fai asociacións curiosamente ridículas, non podo evitar pensar no momento económico e político que vivimos, tan absurdo como inexplicable, no que un Estado de alarma, que é en esencia unha figura centralizadora de competencias autonómicas, é case salvado por un partido independentista…, a cambio dunha reforma laboral, mentres outros grupos nacionalistas se absteñen porque “non poden avalar a teimosía da centralización”. E non podo máis que identificarme coa esquizofrenia eisejuaziana na que se converteu o escenario político en España. Todos parecen actuar racionalmente, pero o resultado conxunto dista de ser racional, e en ningún caso é óptimo.

Todos parecen actuar racionalmente, pero o resultado conxunto dista de ser racional

“Todos os homes temos a cegueira como triste herdanza”, escribe Gallardo durante o decurso da súa novela. Lentamente, vaise abrindo o escenario para unhas novas eleccións xerais, por sermos incapaces de formar gobernos estables. O poleiro está cada vez máis alterado e as decisións tómanse en tempo de desconto, cunha ínfima marxe de votos. Os espelidos son os que saen gañando.

O durísimo impacto que vai ter a pandemia na nosa economía só se poderá afrontar se mutuamente recoñecemos os espazos de representación de cada partido. O enorme rescate europeo necesitará acordos básicos comúns e mínimos nos que PSOE, PP, Podemos e Ciudadanos obrigatoriamente terán que sentar na mesma mesa, porque necesitamos definir que imos rescatar, como e para que, e os partidos nacionalistas deberán asegurar a eficacia e a coherencia do deseño e execución nos distintos territorios.

O discurso frontista ten o encanto da coherencia cega… Un encanto ao que os nosos políticos, de dereita e de esquerda, parecen abonados, ao non distinguir a ideoloxía dos prexuízos.