En El huerto de Emerson, Luis Landero escribe: “Non cobices os froitos alleos. Lémbrate de Emerson e laboura na túa horta sen angustia nin presa. Sobre todo sen presa. Estás enfermo de impaciencia, xa cho dicían de cativo. Non te disperses, concéntrate, embrida o pensamento, non saltes dunha cousa a outra, deixando todo a medio pensar. Non podes ir polo mundo coma se zapeases na televisión”.

somos humanos constatando a impotencia das solucións individuais

Se transformei a rutina nun continuo zapeo televisivo, pode que confundise o meu ánimo co mando da televisión. A COVID mallou na nosa forma de vivir e estanos obrigando a zapear menos, a minorar os politonos e ruralizarnos. Son o paseo, o gusto por cociñar e a conversa familiar os danos colaterais da COVID? Será que non é moi humano estar meténdonos centos de quilómetros trasladándonos da ceca á Meca?

A COVID obrígame a repensarme. Obrígame a repensar a miña relación coas miñas necesidades. Que compro e a quen? A todos, como traballadores, nos obriga a repensar a nosa relación co cliente, coa persoa á que servimos, porque todos servimos a alguén. Así mesmo todos nos serven a nós, porque todos están en disposición de axudar a satisfacer as nosas necesidades. Somos produtores e consumidores. Somos humanos relacionándonos e constatando a impotencia das solucións individuais. A COVID está obrigándonos a repensarnos.

Porque está sendo unha das armas máis efectivas para frear o desfase alcohólico nocturno que nos ía pasar unha futura elevada factura mental e sanitaria.

Porque nos está animando a usar menos o coche e máis os pés. E cando nos sentamos a conducir un coche…transfigurámonos demasiado para mal. Mellor usalo menos.

Pode que a COVID, que tanto mal está causando, nos estea anticipando e vacinando contra males maiores que se aveciñaban no futuro. E involuntariamente nos obrigue a repensarnos en termos humanos, somos dúas pernas, dous pés, dúas mans,… todo un desafío ecolóxico.