O confinamento fixo que a maior parte de nós repensase a súa vivenda. O campo recuperou terreo e a cidade perdeu encanto como espazo para habitar. E dentro das cidades, as vivendas grandes recuperaron o seu valor perdido. Necesitamos máis metros cadrados para poder vivir? Parece que si.

Hai que recuperar as vivendas para as familias a prezos que non hipotequen as súas vidas.

Realmente é inmenso o número de vivendas desocupadas nas nosas cidades e non resulta nada complicado atopar nelas edificios totalmente baleiros. E, por outro lado, o acceso á vivenda segue sendo un dos grandes problemas cos que se encontra a xente ao comezo da súa vida laboral.

De aí que xurda un problema que unicamente desde as Administracións se pode resolver: como poñer realmente no mercado toda esa bolsa de vivendas baleiras a prezos razoables e en boas condicións de habitabilidade?

Hai un punto de partida confuso e erróneo onde os propietarios coinciden: sobrevalorar as súas vivendas. A non necesidade de liquidez permite a moitas familias manter prezos excesivamente elevados en vivendas que en moitos casos xa cumpriron coa súa misión de vivenda familiar e que polo tanto, xa foron amortizadas en boa parte. As vivendas perden valor porque o uso desgástaas. Inchámoslles artificialmente ese valor e entón apartámolas temporalmente do mercado impedindo o uso para o que foron concibidas: para vivir.

O solo ten demasiada repercusión na vida dos demais como para permitir que miles de vivendas pasen anos e anos sen habitar agardando por un comprador que poida pagar as cifras que se piden (grazas a hipotecas que duran, no mellor dos casos, trinta anos).

As vivendas non se construíron como investimento nin como fondo de valor. Inchando artificialmente o seu prezo, dificultando o acceso a elas, deixámolas, en gran parte, baleiras e estériles.

Difícil, pero non imposible, recuperar vivendas para as familias a prezos que non hipotequen as súas vidas.