E realmente o que verdadeiramente vale… é a capacidade creativa do ser humano. Supoño que debería falar de Cataluña, pero… como é un tema do que todo o mundo fala, non me vexo quen de achegar nada útil ao cruce de monólogos que escoitamos de seguido. Así que hoxe dedicarei a vaquiña ao que realmente vale…, a capacidade creativa das persoas… para orientar a miña opinión no caos, perdón, no caso catalán.

Esta mesma mañá
na froitería de abaixo
ao caer ao chan
unha das miñas nectarinas,
o froiteiro díxome
“Perdoe, cabaleiro,
cámbiolla agora”,
pero eu negueime,
non me parecía xusto
cambiar unha nectarina
por unha caída,
unha soa caída,
eu que sufrín tantas…

Neorrabioso,
La poesía ha vuelto y yo no tengo la culpa, 2014


fronteira, s. En política, liña imaxinaria entre dúas nacións, que separa os dereitos imaxinarios dunha nación dos da outra.

Ambrose Bierce,
O dicionario do diaño, 1911


legado
Escribir
un testamento
tarde
e mal
é escribilo co teu propio sangue.

É manchar
o manuscrito de bágoas
ao ver o que único que che queda para deixar é dor.

Irene X,
No me llores, 2015


A importancia doutro lugar

Cando estaba so en Irlanda, posto que non era o meu país,
era lóxico ser forasteiro. O salobre rexeitamento da fala,
que tanto insistía na diferenza, facíaseme acolledor.
Unha vez iso ficou constatado, conseguimos comunicarnos.

O vento nas rúas, enfiadas cara ao outeiro, o dondo
cheiro arcaico do peirao, como unha corte,
os berros dos vendedores de arenques na lonxanía,
fixéronme sentir distinto, pero non me anularon.

Vivir en Inglaterra eliminaba esa excusa:
estes son os meus costumes e as miñas institucións
e sería moito máis grave rexeitalas.
Aquí non hai ese outro lugar que avale a miña existencia.

Philip Larkin,
As vodas de Pentecoste, 1964