Este vai ser o primeiro artigo escrito para esta nova sección que fale realmente do que di o seu título. A esencia desta “vaquiña” é falar de temas variados pero cos lentes da economía postos. Porque, en esencia, a economía trata de explicarnos como funcionan as cousas, polo menos en parte.

segue sendo pecado venial maltratar laboralmente ás empregadas domésticas

A base de toda sociedade e, polo tanto, de toda economía, é o traballo doméstico. Sen el, é imposible construír o edificio do Benestar do que tanto fachendeamos os afortunados occidentais. O traballo da casa procura a alimentación, o aseo e o descanso dos membros da tribo. Pero é un traballo que se converteu, co tempo, en emprego, debido ao enorme aumento no número de persoas, fundamentalmente mulleres, que pasaron a traballar como empregadas domésticas en casas que non eran as súas.

Todo iso vénme á cabeza cando vexo Roma, unha película cunha delicadísma fotografía, que retrata unha época moi cercana á actual e que conta cun fermosísimo personaxe principal, Cleo. É unha película absorbente. Cleo é unha empregada doméstica, indíxena, na casa dunha familia de clase media alta no México dos setenta. Impresiona ver a transición entre o trato que lle dan a Cleo ao comezo da película, practicamente invisible, e o recoñecemento que acada ao final como placenta afectiva desa familia, como constatan todo o amor e coidado que ofrece a cada un dos seus membros, especialmente aos máis permeables ao cariño, os máis cativos.

Como tema lateral, xorde a necesidade de mentalizarnos de que a toda empregada doméstica debe asegurárselle a cotización, as baixas e as vacacións, algo ao que se resiste a nosa mentalidade aburguesada, máis afeita a defender os dereitos que obrigan aos demais que os que nos cuestionan a nós. Segue sendo pecado venial maltratar laboralmente ás empregadas domésticas, algo para o que buscamos tantas argucias mentais como cumpran para eludir os nosos deberes como patronos domésticos, que é o que realmente somos. Páxinas como http://serviciodomesticoactivo.blogspot.com poden facernos reflexionar sobre a súa situación.