Hai vinte anos estaba nunha asociación con máis de trinta socios que traballaba en casas de familia vivindo con nenos que necesitaban protección, moitos deles tutelados pola Xunta. Era un grupo moi unido por un entusiasmo especial, coidar daqueles que pola súa idade, máis o necesitan. En menos de cinco anos aquel cohesionado grupo converteuse en catro pequenos grupos despois de sufrir dúas duras escisións. En paralelo, a asociación de grupos que traballaba no mesmo eido, e da que eran partícipes os membros do primeiro grupo, sufriu outra escisión. Persoas que durante moitísimos anos traballaran unidas cun fin común, de súpeto, tiñan posturas irreconciciliables que lles impedían continuar asociadas e obrigábaas a emprender camiños separados. Diferenzas persoais ou ideolóxicas?

Cales son os mecanismos que unen os grupos de persoas?

Uns anos despois, o nacionalismo galego sufría un proceso análogo, unha parte moi importante do BNG marchaba e fundaba Anova e Compromiso por Galicia. Ao pouco tempo emerxían as mareas. E recentemente as mareas tamén se diluían en numerosos grupos e subgrupos que testemuñan a imposibilidade de acordar camiños comúns entre persoas que non parecen moi afastadas ideoloxicamente.

Nestas dúas rupturas, a diferenza doutras que se deron na dereita ou mesmo na esquerda do Estado, é complicado enxergar diferenzas de calado. É complicado explicar as diferenzas ideolóxicas entre os nacionalismos en Galicia, da mesma forma que me resultaba complicado entender as diferenzas entre aquel grupo de educadores sociais que decidiron emprender camiños diferentes. Cales son os mecanismos que unen os grupos de persoas? Por que as mesmas persoas que poden crear un grupo enormemente activo, poden entrar nunha deriva de rupturas e desencontros insalvable e optan pola saída? En que momento a lealdade ao grupo se torna imposible, e as voces críticas son incapaces de integrarse na corrente dominante, e a corrente dominante é incapaz de facer sitio ás voces críticas?

A saída, a voz e a lealdade son 3 enfoques distintos a problemas de cohesión. Sabéndonos comunais, e sabendo que a única forma de vivir é cohesionando a sociedade, sorprende ese continuo apetito pola saída, sobre todo cando é o resultado da nosa incapacidade de convivir e polo tanto de aceptar a diferenza.

* Saída, voz e lealdade é o título dun libro escrito por Albert O. Hirschman, economista americano da segunda metade do século XX.