Como prestidixitadores que son, os políticos teiman en facernos crer que os avances democráticos dependen deles cando realmente a esencia da democracia non se encontra no Parlamento (sede política), senón que está na Administración (sede administrativa).
A función pública é a que marca os logros democráticos dun país. É o indicador do grao de democracia sanitaria do que gozamos cando necesitamos asistencia. Ou da democracia educativa á que accedemos cando os nosos fillos se forman academicamente cos medios cos que dotamos os centros escolares. E tamén da democracia administrativa cando pedimos unha subvención, cando accedemos a contratos públicos, cando nos matriculamos en procesos selectivos ou realizamos calquera das innumerables actuacións que se tramitan de forma case sempre invisible nas administracións públicas. Aí radica a esencia democrática dun país.
Na administración radica a esencia democrática dun país
Por iso, cando Sara Mesa nos describe en Silencio administrativo o labirinto burocrático no que Carmen se mete cando solicita a concesión da renda básica, aos que traballamos nun servizo público rómpesenos un pouco a alma. E non só porque amosa a incapacidade dalgúns empregados públicos para lembrar que a súa misión fundamental é servir os cidadáns. Tamén polas consecuencias que creamos coa nosa incapacidade para democratizar e facilitar o acceso aos servizos públicos por parte das persoas usuarias, sexan as que sexan. Rompésenos a alma ao pensar en como funciona o sistema de seu, se o comparamos con como podería funcionar, sen que fose preciso un enorme esforzo.
O libro de Sara Mesa, sesenta minutos de lectura, é un logradísimo opúsculo que nos interpela, como sociedade do benestar, polas dificultades que temos para afrontar con proximidade os problemas daqueles aos que a infortuna rondou con teimosía. Sara acirisca o texto con continuas reflexións cargadas de necesidade: Que se utilice a tecnoloxía non so é lícito, senón desexable. O problema, pensa Beatriz, é que se deixe as persoas en mans dela, sen asistencia. Ou máis adiante: Aos pobres esíxelles que detallen as súas intimidades se non queren que sobre deles se estenda -aínda máis- a sospeita.
A pobreza é a deriva posible que puido coller a vida de calquera de nós. A exclusión social roldou preto nosa. Caeu nun veciño. Libramos, pero puido ser a nosa vida. Que fortuna estar nunha situación que nos permite ceibar dela a alguén menos afortunado ca nós.