O 10 de marzo de 2021, nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, estaba convocada unha folga xeral. Foi un éxito rotundo, pero o mal fado, ese mal de ollo que se ceba con Ferrolterra, volveu actuar. Esa mesma mañá Ciudadanos e mailo PSOE anunciaban a presentación dunha moción de censura ao Goberno de Murcia. Axiña, a presidenta de Madrid convocaba eleccións anticipadas e cando a aspiradora Madrid empeza a funcionar, todo o demais desaparece da axenda política.

Ábalos quixo escenificar que o BNG non está no cuarto onde se toman as decisións

Esa mesma mañá tivo lugar un encontro que tamén aspiraba a ser un dos grandes asuntos da vida política galega. O presidente Núñez Feijóo reuníase co ministro Ábalos. Segundo contaron na rolda de prensa, a negociación entre o presidente e o ministro foi un éxito. Goberno central e Xunta conseguían desbloquear dous dos clásicos do noso debate político: as bonificacións para a AP-9 e fixar, unha vez máis, a data para o funcionamento do AVE; con menos énfase tamén comentaron algo do ‘Corredor Atlántico’ de mercadorías (algo fundamental para outros puntos do Estado, pero con menos peso entre nosoutros).

Os anuncios tiveron máis eco nos informativos do día e nos titulares da prensa ca a folga de Ferrol, pero tamén sufriron os efectos do tsunami madrileño. Porén, para un observador político galego esta reunión non debería pasar desapercibida tan facilmente. Non tanto pola eficacia da medidas anunciadas, xa veremos en que acaban estas promesas, como polo movemento político que permite albiscar.

Non podemos esquecer que a AP-9 se convertera nun dos principais eixos da política do BNG. Un dos asuntos que xustificaban a súa acción no Congreso, que servía para mostrar que os nacionalistas tamén teñen a súa cota de poder. Cunha reunión, Ábalos e Feijóo parecían querer deixar claro que isto son cousas dos maiores, do PP-Xunta e o PSOE-Goberno. O Bloque sería algo marxinal.

Amigos nacionalistas dixéronme que a performance era un intento máis de recuperar o vello bipartidismo, sinalaban que o PP ten como obxectivo principal o Bloque de Ana Pontón (habemos de volver a isto máis polo miúdo), que Ábalos lle botaba unha man a Gonzalo Caballero, que PSOE e PP a mesma merda é! Probablemente teñan razón, pero pode que haxa algún matiz que escapa a esas análises que, por outro lado, soan algo vellas.

A diferenza do que se puido pensar en principio, o BNG non xoga no Congreso un rol similar a Bildu, Compromís ou o PNV. Actor indiscutible na investidura de Pedro Sánchez, o Bloque foise separando da coalición PSOE-Unidas Podemos. Non está nunha oposición pechada, pero tampouco está no cuarto onde se toman as decisións e Ábalos quixo que se vise claramente.

Aínda é cedo para saber as consecuencias desta estratexia, pero semella contraditoria coa que leva o BNG no Parlamento cando reclama acordos de país, de presentarse como partido de poder, e que afectará á formación da alternativa a Núñez Feijóo que, inevitablemente, terá que ser plural.