Óscar Antón Pérez, colaborador de Irimia, é enxeñeiro técnico agrícola, e exerce actualmente como responsable da xestión de horta de Melisanto (cooperariva que agora xa está plenamente integrada en CLUN). A súa posición permítelle ser un observador cualificado da evolución do agro, neste momento de profundos cambios e crises, tempos en definitiva, de repensar moitas cousas, cambiar a orientación doutras tantas e aproveitar as novas oportunidades.

Van alá máis de dous anos desde que nace CLUN, a unión de das cooperativas Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto. Son agora arredor de 3500 socios e socias en toda Galicia, cunha facturación de arredor de 230 millóns de euros, e máis de 400 empregados. En perspectiva, como ves a fortaleza e posibilidades do cooperativismo agrario galego?
O cooperativismo debera ser un referente necesario para a posta en común dos servizos e para a comercialización dos produtos agrarios, nun país de explotacións de pequena dimensión coma o noso. Avánzase, pero non sempre se acadan todos os obxectivos. Case sempre imos máis lentos do debido. Pero non deixa de ser necesario, se cadra agora máis ca antes, que a posta en común siga a boa marcha.

coa xente vivindo na cidade e sen parentes na aldea créase unha nova demanda de produto de proximidade

Hai pouco comentábasnos que na tempada da nabiza e do grelo tiñas auténticos problemas para conseguir toda a produción que poderías vender. De tanto “eliminar produtores” estamos nun punto no que hai crise de produción? Venderíanse máis produtos de horta galega se se producisen?
Nalgúns produtos houbo e hai escaseza (caso do grelo/nabiza) e se tivésemos máis produción poderíanse vender máis unidades. Isto está a acontecer con produtos tradicionalmente vinculados a modos de produción familiar. O cambio do modelo social e da forma de vida (cunha maioría da poboación vivindo na cidade e o abandono do rural) demanda igual, ou incluso máis, estes produtos porque a xente non ten, coma antes, unha parentela na aldea que llos forneza. E ao tempo, ao seren cultivos moi vencellados a esa explotación agrícola tradicional, xa non queda moito quen os cultive. O reto é conseguir mos produtores/as profesionais que se encarguen de cubrir esta demanda.

A respecto diso, responde o mercado galego a un produto galego? E o español, e o europeo? Poderíase –e deberíase- modificar os hábitos de consumos deses mercados no século XXI? Habería que diferenciar máis claramente o noso produto?
Estamos nun punto no que debemos comprender que o produto galego de hoxe ten pouco que ver co de hai 30 anos. O produto galego segue con boa consideración nos mercados e isto é unha potencialidade que debemos explotar, mesmo máis aló das nosas fronteiras. Pero hoxe debemos pular porque as potencialidades se transformen en realidades. Respondendo tamén cunha mellor diferenciación e non só en orixe, senón en convertela en parámetros obxectivos de calidade, do mesmo xeito que fan outros lugares co seu.

Desde a cooperativa tamén facedes traballo de promotores de novos proxectos, asesorando a xente, como está acontecendo agora coa liña de axudas para incorporación de activos ao agro. Está habendo incorporacións? Que perfil? Que capacidade lle ves ao agro galego para incorporar novos emprendedores/as con proxectos sostibles e duradeiros?
Incorporacións hai, claro. Pero non en riada. A contagotas. A realidade é que o rural perde máis activos dos que gaña. E esta tendencia non ten visos de reverterse. Agora ben, as persoas que se incorporan son xente preparada, que adoita ter ideas máis claras e que, en moitos casos aposta por diferenciarse, por apuntar cara á calidade.

o produto galego segue ben considerado e isto é unha potencialidade que debemos explotar

Os novos proxectos de incorporación, ao meu ver, deben centrarse en dúas cuestións principais: primeiro de todo, apostar pola calidade e pola diferenciación; en segundo lugar, pórse en común para garantir a sostibilidade económica. O illamento produtivo pode ter algunha vantaxe, pero adoitan ser máis favorables os proxectos colaborativos, no que por xunto se ten maior capacidade de responder ás demandas do mercado agrario.

Sodes unha grande cooperativa, pero que posibilidades lle ves ao cooperativismo agrario de pequena escala? Tería que especializarse en calidade e marca? En que nichos de produción?
O cooperativismo de pequena escala ten o seu lugar, sobre todo se se cingue á calidade. Se é capaz de acadar mercados con demandas moi específicas que permitan a sostibilidade económica.

Pero convén non esquecer que de potencialidades non se vive. Ás veces é mellor cinguirse a produtos existentes con menos marxe e traballar a medio prazo na calidade que encetar un proxecto de calidade e logo non ter quen vendelo.

Os nichos de calidade hai que procuralos en produtos nos que o básico está cuberto e cómpre acadar certa especialización, sobre todo na transformación e envasado, por darlle algo máis de valor engadido á produción.