Botando contas ao chou, ben poden ter pasado máis de corenta anos dende a última vez que acudín a unha romaxe irimega. Mesmo nin lembro ben onde fóra, e á miña memoria só asoma un lugar amplo nun entorno rural, un ferve-ferve de persoas e un palco con varias irimegas e irimegos cantando e celebrando.

O caso é que na mañá do día 12 de setembro, naveguei pola brétema persistente e amarrei o batuxo en Santa Mariña de Augasantas, sen saber moi ben que ía atopar. De entrada, dei co Guieiro fouciño en man acondicionando o espazo de benvida, onde Gloria e Mario acollían e daban as explicacións pertinentes ás romeiras que ían chegando, e Carmen e Alfonso deixaban caixas de mazás saborosímas no posto, xunto co café e o leite. Dende as 10:30 xa baixaban irimegas coma río en pendente procedentes do leira-parquin, perfectamente organizado por Marta e Luar.

Imaxen Romaxe 2026
Recepción, logo, amorosa e perfecta e xa, a primeira na fronte: asinar a ILP para a creación de Áreas de Restauración Ecolóxica. Non hai tempo que perder! Porque, como apuntou alguén máis tarde, hai quen vai da Fe ao activismo e quen fai o camiño dende o activismo á Fe, mais o caso é ir chegando.

Recordaba máis xente e de idades máis mesturadas, pero percibín un inconfundible xeito de estar por querer estar, por compartir con outras

Arribaron ao redor de 300 persoas dende todas as esquinas do país: Taboadela, Noia, Coruña, Ponte Caldelas, Vigo, Paderne, Brión, Lugo, Moaña, Cerdedo, Santiago,… para tomar parte nunha romaxe que agradece especialmente a participación e a axuda de toda a veciñanza de Santa Mariña de Augasantas, ao veciño e irmao Estraviz, a Antonio O Ferreiro e Maricarmen; a Eduardo, o párroco; a Xosé Ramón de Taboadela, ao equipo de “cregos-Pro” de Ourense que acolleu a organización e a todas as persoas, irimegas e non, que alí estiveron ao longo do día.

Por volta das 12:00 aínda non comezara a xuntanza, que só demorou uns poucos minutos máis. Recordaba máis xente e de idades máis mesturadas, pero percibín un inconfundible xeito de estar por querer estar, por compartir con outras. E tras o aviso de Alba de que por fin había baños burgueses, con auga corrente e luz para quen os precisase grazas á xenerosidade da asociación veciñal, comezou o encontro.

Imaxen Romaxe 2026
Ao abeiro da sombra do lateral da igrexa, cando Guadi Galego deixou de soar, as palabras de Xosé Lois, o Guieiro, brotaron a través dun fío que sucou as augas de moitas das romaxes anteriores. Eran verbas tecidas polas mans de Miguel, quen rebulía seguido por todas partes, e sobretodo de Dani, cuxo espírito pairou por Santamariña todo o día e foi tantas veces nomeado.

O Guierio arrancou coa benvida: a quen dubida, a quen non cre, a quen é indiferente, a quen lle deu mal ao Google Maps e rematou alí… á diversidade. Despois, a lembranza doutros portos, doutros encontros que axiña conecta coa reivindicación das augas que hoxe están en perigo, e que máis tarde levarían á intervención na xuntanza da AA.VV. das Conchas (Lobeira) defendendo o dereito das comunidades e das persoas a ter unha auga limpa (outravolta a reivindicar…).

Mais antes de que iso acontecese, gozamos da versión lixeiramente adaptada da lenda de Santa Mariña… Unha lección de dignidade fronte ao poder que foi seguida de toda unha representación en ton lila na que Mariña chantoulle os marcos ao seu pai, Teódulo, quen non estaba para facer mansplaining, precisamente. E, polo medio, as palabras das propias augas, que ondeaban alertando dos perigos dos discursos que nos queren seducir, entre a música e os recitados de Bea a de Estrella e de Mero e Cía.

Imaxen Romaxe 2026
A seguir, unha reflexión importante sobre o regreso intelixente (fronte ao “progreso”) ao respecto ao medio natural, á responsabilidade individual e comunitaria, ao compromiso coa Terra.

Despois da intervención do marabilloso Estraviz, a quen tanto lle debemos as galegas e galegos, do Noso Pai-Nai e a lectura conxunta (algo realmente fermoso) arribou a comuñón entre música (“Ondiñas veñen e van”), baile, apertas, cantos e unha ledicia, unha normalidade que deixa atónita e que estende finalmente as augas por todos os recunchos.

De remate, o atraque nun Berro seco que fixo tremer as pedras: por Mariña, polas de antes, polas de agora e polas que virán; polas persoas migrantes, refuxiadas e polas de Palestina; e pola defensa da Terra, á que é preciso protexer e coidar para as e os que veñan detrás.

Así que visto todo o vivido en Santa Mariña de Augasantas: os encontros, o reivindicado, o celebrado, o compartido e o sentido, se nos deixan, haberá que seguir a navegar…

Galería de imaxes