Comunidade son tamén as persoas que recuperan a memoria de actividades en común, como mallas, romerías, mercados, entroidos, fiadeiros ou magostos.
Pero precisamos das demais non só por pura supervivencia física, senón porque hai outras necesidades básicas, como o sentido de pertenza, os intereses comúns, algunhas aprendizaxes, o recoñecemento, a creación colectiva e outras que só se satisfán a través da interacción con outras persoas; todo iso que nos fai tanta falta como comer e durmir. É así logo que vivir, en contacto con outras, transcende a dimensión puramente utilitarista para formar parte da propia natureza humana: somos seres comunitarios dun xeito constitutivo. E nisto coinciden bioloxía, antropoloxía, socioloxía, filosofía e outras ciencias. Pero, que acontece cando a comunidade nos oprime? Que pasa cando o teu propio grupo te rexeita porque es diferente, porque non outorga o mesmo valor a todas as persoas que o conforman e discrimina dun xeito ou doutro? E se a comunidade se equivoca?
Nese escenario, cómo imos non escoitar os cantos de serea que anuncian unha vida exitosa para as persoas feitas a si mesmas; que din que se queremos, podemos; que o merecemos todo e non precisamos depender de ninguén; e que mesmo nos permiten vendernos como marca propia a través das redes sociais?
As mensaxes están aí, en todas partes: nos medios, no ensino, no lecer, na propia estrutura produtiva. Mais esa soidade que venden non sempre é desexada nin elixida (nalgunhas persoas maiores e, cada vez máis, mesmo en xente nova). Ademais, a sa e necesaria autonomía en ocasións é liberdade no baleiro pola ausencia de vínculos, que eliminan o sentido de pertenza. Mesmo o ego, en solitario, ten un traballo infinito e esgotador se se ten que soster só. É así que o individualismo se asemella máis a un produto expresamente creado, aínda que sexa radicalmente necesario colocar e dimensionar en xusta proporción normas, egos, autonomías e liberdades, o que non é doado.
E rematemos polo ¿final?… Cando marchemos, que lembraremos? As hipotecas e os empréstitos que pagamos ou as mans que nos aloumiñaron? Os reloxos e obxectos que marcaron as horas das nosas vidas ou as paisaxes, os sorrisos, os rostros e os corazóns que nos acompañaron?
E entre o comezo e o final, escribimos a nosa biografía ao longo dun número incerto de días de vida nos que buscamos darlle sentido a ela propia. E de novo emerxe a comunidade. Poderiamos imaxinarlle unha razón de ser á vida sen que a nosa memoria se constrúa coas outras e en relación con elas? Ao fin, o individualismo pódenos dar, como moito, o “continente”: un espazo no que desenvolvernos, pero non o “contido”: o que dota de sentido ese espazo.
Ese proceso de crear e formar parte da comunidade, vai ter distintos graos de dificultade segundo as circunstancias xerais e as características de cada persoa. E en moitos casos non vai ser doado, mais os resultados positivos daquelas experiencias que si funcionan, amosan que é posible e desexable apostar por elas. Así, camiñando dende o ámbito máis reducido ao máis amplo: non son comunidades as asociacións veciñais rurais e urbanas que desenvolven actividades, ben sexa de lecer, ben sexa de reivindicación de melloras para a veciñanza? Ou as asociacións de persoas afectadas por doenzas, as das migrantes, as que protexen o medio? Comunidade son tamén as persoas que recuperan a memoria de actividades en común, como mallas, romerías, mercados, entroidos, fiadeiros ou magostos. Tamén as comunidades de montes que desenvolven proxectos de ecoturismo e de gandería extensiva. E as comunidades que xiran ao redor da música. E, por último, non foi un movemento comunitario o que conseguiu (agardemos que definitivamente) o peche do proxecto de Altri, como acontecera décadas atrás co da central de Xove?
Polo medio temos, esencialmente, todos eses actos “para” e “en” comunidade nos que colaboramos no coidado das demais dun xeito que nace de nós, da pura lóxica de vivir, por unha iniciativa que xorde, como diciamos, de que somos, constitutivamente, seres sociais. E por iso nos revolvemos tanto cando sabemos de casos nos que se abandonan persoas á súa sorte sen lles tender a man.
Estamos xa no verán, con luz e condicións que invitan a facer comunidade no exterior nun ambiente de festa. Que podemos facer? Á marxe das inmumerables feiras e festas parroquiais do país, lembramos os festivais de Ortigueira e de Pardiñas, o Filandón de Músicas do Courel, as mallas (Meira, Lalín), as festas mariñeiras da Virxe do Carme, o Festival 27373 de Begonte, o Festival Irmandiño de Moeche, o FIM de Moaña, o Folión de Carros en Chantada, a Queima das Fachas ou Folión do Castelo de Taboada e tantas outras que vos animamos a procurar entre a vosa veciñanza e tamén, por exemplo, en festigaleiros.com