11 DE ABRIL

Moncho Valcarce: compromiso e memoria en Alvedro

O feito de nacer nunha familia ben posicionada da Coruña aló polo ano 1935 non definiu a traxectoria que había seguir a vida de MONCHO VALCARCE, o Cura das Encrobas. A súa vocación levouno ao seminario de Santiago, do que entraría e sairía un par de veces por discrepar coa formación que alí recibía. Distinta foi tamén a súa forma de concibir a igrexa, que abriu ao pobo como lugar para a conversa e como centro sociocultural.
Moncho Valcarce
Da Coruña urbana á Galiza rural: Sésamo, Sueiro (máis tarde As Pontes e Culleredo, onde foi concelleiro), de Santiago a Roma (onde toma forma a conciencia da súa identidade en relación a Galiza), da discrepancia coa formación recibida á loita ao carón do pobo, sinaladamente coas labregas e os labregos, e á súa implicación na política, a vida de Moncho incorporou de seu a defensa das clases populares e a loita contra o abuso de poder.

“O 11 de abril en Alvedro, xantar e entrega de premios para honrar o legado do cura rebelde e a loita pola terra”

Ademais das Encrobas, onde se posicionou do lado da veciñanza para loitar contra o establecemento dunha mina de lignito, bregou ao carón de mulleres e homes en Baldaio contra a explotación da marisma, en Xove para impedir a instalación dunha planta nuclear ou contra a cota empresarial que se pretendía impoñer sobre o traballo agrogandeiro.

A escolla dun camiño que cuestionaba o abuso de poder, a discriminación e a imposición aló onde for, dentro e fóra da Igrexa, tivo para el consecuencias en forma de multas, detencións, traslados e mesmo tortura.

Mais a pegada de Moncho quedou entre nós non só en forma de bustos, placas, nomes de rúas e de centros de ensino que levan o seu nome, senón tamén en persoas próximas a el que reivindican a necesidade de recoñecelo como un dos persoeiros relevantes e significativos da Historia de Galiza.

En particular, a Irmandade Moncho Valcarce, foi creada para difundir a súa vida potenciando, coma el, a loita da sociedade civil organizada. Entre as súas actividades, a Irmandade entrega anualmente dous premios: Defensa da Terra e Promoción da Terra. Neste ano 2026, o xantar de irmandade e a entrega dos premios terá lugar o 11 de abril en Alvedro, nun acto aberto á participación libre da cidadanía.

14 DE MARZO

Ofensiva social en Compostela para salvar o galego

Queremos galego é unha plataforma que conforman distintas entidades e persoas a título individual que diante da situación que está a vivir o galego na actualidade (lembremos que en 2025, por vez primeira, o galego xa non é a lingua maioritariamente falada en Galicia) constitúese como ferramenta para a súa defensa. O que procura a plataforma é garantir a aplicación das normas vixentes, normalizar o uso do galego en todos os ámbitos e poñerlle freo ás políticas públicas que o acurralan contra a parede.

Para levar estes obxectivos á práctica, Queremos Galego puxo en marcha o que deron en chamar proceso social LINGUA VITAL, diante dunha realidade teimuda que porfía en demostrar que non só non se respectan os acordos e textos legais en materia de lingua, senón que mesmo se actúa contra deles.

“Asemblea aberta o 14 de marzo na Quintana para esixir a derrogación do decreto contra o galego e pasar á acción”

Deste xeito, e diante da situación de emerxencia lingüística que denuncian, dende a plataforma optaron por substituír o deixamento das funcións propias das institucións por un proceso cidadá no que lograron convocar a diversas entidades, crear varios grupos de traballo e recoller máis de 1000 achegas ao redor de distintos ámbitos: a calidade da lingua, os servizos públicos, o ensino, as novas tecnoloxías, sociedade e economía, medios de comunicación e cultura e acción exterior.

O resultado deste traballo recóllese nun documento onde propoñen unha serie de accións entre as que destaca a derrogación do decreto da Xunta contra o galego no ensino, conseguir que o galego se converta en lingua vehicular e que se consolide como lingua predeterminada e plenamente operativa en todos os niveis administrativos. Estas foron as liñas xerais. O texto completo e definitivo presentarase nunha asemblea aberta que terá lugar o vindeiro 14 de marzo, ás 12 horas, na Praza da Quintana, en Compostela.

Palabra e Memoria: o rastro do galego nos nosos cemiterios

A Torre de Torés, que padeceu un derrubamento parcial como consecuencia das chuvias intensas de principios de ano, vólvenos traer a necesaria reflexión sobre a memoria que nos é común, a que nos axuda a construír o presente dende o pasado que outros e outras construíron antes ca nós. Torés non é o único ben patrimonial que padece un abandono flagrante que precisa dunha detida explicación. Está tamén a Torre de Caldaloba, a de Sobrada de Aguiar, o Pazo de Piñeiro, o Cruceiro de Abuín e moitos outros, testemuños do abandono de todo aquelo que teña reminiscencias identitarias.

Mais, como adoita acontecer, a acción comunitaria crea vías alternativas para actuar alí onde hai atrancos ou abandono. Unha delas, no eido patrimonial, é o proxecto PALABRA E MEMORIA, que segue o rastro do galego nas inscricións funerarias, coordinado por Bernardo Penabade. Baseándose na colaboración altruísta das persoas participantes, recóllense e catalóganse nunha base común as inscricións en lingua galega dos cemiterios do país. Na actualidade xa aparecen no proxecto rexistros da maioría das parroquias galegas. A información amósase nun mapa interactivo accesible a través da páxina web e das redes sociais de Palabra e Memoria.

“Consulta o mapa de Palabra e Memoria para descubrir a pegada do galego nos nosos cemiterios e defender a nosa historia”