Eis o slogan da Xornada mundial polo traballo decente (7 outubro 2021). Na actualidade, o traballo non lles asegura a todas as persoas cubrir necesidades básicas, como chegar a fin de mes, conciliar a vida laboral e familiar, acceder á vivenda, contar coa seguridade e saúde laboral ou participar mesmo na dinámica social.

Por iso, xa van sete anos nos que a iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD) insiste en que o traballo é un dereito e un medio para o desenvolvemento e realización da persoa.

Mocidade, mulleres, inmigrantes… seguen a engrosar as cifras de desemprego, das ocupacións peor remuneradas e con maior temporalidade.

Así que a nova “normalidade” non pode ser a precariedade que vimos sufrindo desde antes da pandemia. O traballo é expresión de amor, de entrega, a nosa contribución singular e única á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, sen explotación nin opresión de ningún tipo.

Asemade, a Irmandade Obreira de Acción Católica (HOAC), un dos movementos que impulsa a ITD, cumpre o 3 de novembro de 2021 o 75 aniversario, baixo o lema: “Tendendo pontes, derrubando muros. 75 anos de encontro entre a Igrexa e o mundo obreiro”. Tempo para agradecer a entrega e xenerosidade de tantos e tantas militantes da HOAC, para lograr que haxa xustiza, dignidade e esperanza no mundo obreiro, e de colaboración para que o conxunto da Igrexa, por fidelidade a Xesucristo, crezamos no servizo ás persoas empobrecidas e na defensa da dignidade do traballo.

Hoxe en día, persisten na sociedade moitas formas de inxustiza, alimentadas por un modelo económico baseado no lucro, que non dubida en explotar e descartar as persoas. Ante estas situacións, precisamos desenvolver unha moral colectiva na que defender o traballo como expresión da dignidade humana fronte ao individualismo e comodidade; e tamén medios e ferramentas para coñecer os nosos dereitos laborais.

Como di Francisco na Fratelli Tutti, nº 162: “Nunha sociedade realmente desenvolvida o traballo é unha dimensión irrenunciable da vida social, xa que non só é un modo de gañar o pan, senón tamén unha canle para o crecemento persoal, para establecer relacións sas, para expresarse a si mesmo, para compartir dons, para sentirse corresponsable no perfeccionamento do mundo e, en definitiva, para vivir como pobo”.

Como movementos de Igrexa, na ITD traballamos en equipo co fin de visibilizar o dereito ao traballo decente, que sexa unha realidade real na vida das persoas e respecte a nosa casa común.