Desde a primavera está a educación patas arriba pola COVID-19. Sería de esperar un enorme esforzo colectivo, de autoridades e docentes, de ANPAS e sindicatos, de expertos e universidades, para revisar e reorganizar este servizo público fundamental. Non obstante, chegou o comezo de curso e unha desmoralizante sensación de improvisación invade todo o universo educativo. Evidentemente a transición a unha educación mixta, presencial e telemática é complexa. Non é só cuestión de medios técnicos, tanto nas familias coma nos centros. Cómpre planificar con antelación, e formar o profesorado -así como vontade e esforzo de prepararse-; cómpre negociar con paciencia criterios e protocolos e tamén unha boa capacidade comunicativa e “pedagóxica”. Preguntamos opinión e sensacións a catro voces activas no ensino en Galicia.
Anxos Cánive
Profesora da ESO no CPR Plurilingüe Nosa Señora dos Remedios
E no ensino concertado…
Ao meu modo de ver, a xestión non puido ser peor. Ninguén sabía este verán que plan de actuación tiña preparado a Consellería e inclínome a pensar, polas ordes e contraordes, mudanzas e remudanzas, que non había plan de actuación. Ou máis ben, case podemos falar de Plan Sorpresa baseado en 0 financiación en un 10 de improvisación.
E no ensino concertado…, a velas vir. Coma sempre, caladiños e agardando que nos manden. E os que nos mandan, caladiños coa Administración e coidando ben dos cartiños, que non hai.
As medidas que se están a tomar non son suficientes. Comezando porque incumpren moitas das advertencias e recomendacións feitas pola OMS e polos expertos sanitarios para paliar o contaxio. En primeiro lugar, seguimos a ter aulas masificadas con grupos moi numerosos e unha ratio moi elevada, incluso para momentos anteriores á pandemia do COVID-19. En segundo lugar, a maioría dos centros educativos non contan cos recursos, instalacións e persoal necesarios para acometer os cambios precisos.
Nesta situación vexo o curso con moita incerteza. Non empezamos e xa está habendo baixas e peches por gromos en escolas. Agárdanos un curso convulso, no que teremos, no mellor dos casos, que confinarnos por grupos ou por aulas.
Mónica Fernández
Mestra de Educación infantil no CEIP Fontiñas
Un curso duro e complicado
Arrancar este curso de infantil para tres anos é duro e complicado. Primeiramente debes deixar á parte a túa metodoloxía de traballo cooperativo, debes cortarlle ao alumnado a libre circulación polos espazos para pautarllo e mantelos sentados, impedindo que se xunten… En resumo, educar en contra dos principios metodolóxicos da educación infantil. A distancia de seguridade non se pode manter debido ao pouco espazo das aulas e hai que desinfectar continuamente todo o material que usan.
Os baños están fóra das aulas: no meu caso, catro inodoros para compartir 37 alumnos e alumnas (dúas clases de tres anos) que apenas controlan esfínteres. Ademais, só pode entrar un no baño e a outra debe agardar, pero a mestra debe seguir na aula co resto do grupo: co grupo completo é inviable. Por se fose pouco, as familias teñen que vir cambialos nese baño compartido e, mentres, non pode ir outra crianza ao baño. Farían falta dúas persoas na aula para poder funcionar e garantir a seguridade e a hixiene porque, ademais, hai que ensinarlles a lavar as mans –e deben facelo cinco veces na mañá–. Suprimir as especialidades (Educación física, Música, Inglés, Relixión) axudaría a garantir os grupos burbulla e facilitaría que estivesen permanentemente dúas persoas na aula para facer o traballo eficazmente. O dito: un curso duro e complicado.
Juan Luis Laguarta
Xefe de estudos nun centro públido do Salnés
Un curso cheo de incertezas
A xestión deste curso comezou xa no mes de xullo, estando pendente da (des)información para prever parte deste curso.
O máis complicado foi o protocolo “adaptado” ao noso centro, que nos impuxeron os que se pasaban a bóla. A partir de aquí: conseguir material sanitario, readaptación organizativa do centro a todos os niveis, horarios, espazos, re-reprogramacións, “(auto)formación”, reunións coas familias, equipo e aula COVID; pero o gran problema, coma sempre, é: sen mestres e sen cartos.
As medidas adoptadas están a ser as xustas para que se poida dar algo de clase: entrada e saída graduada, separación, uso da máscara, limpeza e desinfección… só é a punta do iceberg. O máis difícil: hora do recreo e Educación Infantil e especialidades.
A previsión para este curso, vendo o que está a ocorrer en toda a nosa comunidade, non é moi esperanzadora. Por moito protocolo, por moita supervisión e coidado, fóra cadaquén é dono da súa vida.
Prevemos moitas dores inventadas, familias nerviosas, mestres exercendo de todo menos de mestres, centros de saúde desbordados e, sobre todo, unha incerteza do que nos pode agardar.
Ramón Latas
Profesor do IES Antón Fraguas
Recortes e voluntarismo
O curso escolar 2020-2021 comeza nun contexto até o de agora inédito para os membros da comunidade educativa. E as e os que a ela pertencemos imos afrontar unha serie de circunstancias que van pór a proba a suficiencia (ou non) de recursos tanto materiais coma humanos cos que de partida imos contar para tal fin.
Se cadra cómpre dicir, en descargo das autoridades que deben velar polo mellor funcionamento posible do curso, que a situación é inédita e sen experiencias previas das que poder aprender ou tomar nota. Pero non é menos certo que neste contexto podemos rematar por lamentar –e moito– os continuos recortes, humanos e materiais, que a educación pública veu sufrindo ao longo dos últimos anos. Aulas masificadas ou redución do profesorado, por moito que se quixese contratar a última hora, van obrigar a facer auténticos milagres en non poucos casos. Por non falarmos dos propios recortes en sanidade, que poden dificultar o obxectivo de que se poida contar cun profesional designado a cada centro para dar a debida atención ao xurdimento de gromos do maldito virus.
Está por ver como sairemos desta. Pero coma tantas veces no mundo do ensino, intúo que se saímos ben, será polo voluntarismo de tantos e tantos membros das comunidades educativa e neste caso tamén sanitaria dispostos a botar horas que sobrepasen de longo o seu horario de traballo e mesmo as súas funcións. Porque os protocolos están moi ben, pero… sós non botan a andar.