Belén Rodríguez Fernández

No modelo eólico que se pretende implantar no medio natural galego, na súa envergadura, improvisación e na desaparición dun “interese público” que o module e oriente, estámonos a xogar o futuro do territorio. Alén da protesta emocional –perfectamente lexítima– cómpren moita reflexión e datos. Grazas a ese rigor, estanse revisando pola Xustiza autorizacións con defectos graves. Conversamos con Belén Rodríguez Fernández, secretaria executiva de ADEGA, que coñece ben a complexidade e a urxencia da situación creada.

Ultimamente vimos empresarios, compañías enerxéticas, medios de comunicación… e mesmo sindicatos e colexios profesionais metendo presión contra o Tribunal Superior de Xustiza, ao que acusan de “crear inseguridade xurídica” por emitir sentenzas que paralizan megaparques eólicos en tramitación. Parece o mundo do revés…
Pois si. Porque quen crea inseguridade xurídica non son os tribunais; é a propia Xunta, que aplica un plan eólico desfasado, que non foi sometido a avaliación estratéxica ambiental, que só atende criterios produtivos, se hai ou non vento. Crea inseguridade xurídica unha normativa –as coñecidas como leis de depredación– que recorta a participación pública e as garantías de carácter ambiental. Así, en 2017, a lei de iniciativas empresariais; en 2021, a lei de simplificación, e agora andan coa lei de beneficios socio-económicos. Son normas que favorecen o interese privado das grandes empresas, recortando as garantías ambientais e os prazos de exposición pública nos procesos de autorización e que obstrúen o acceso á información. Ademais, a Xunta de Galicia leva décadas incumprindo as normativas europeas en materia de protección ambiental. En Galicia temos a rede de Espazos-Natura máis cativa de todo o Estado, só detrás de Melilla, o 11 % do territorio, e a Xunta vai evitando ampliar esa zonas –nas que non se poderían construír megaparques eólicos– e que na media estatal acadan o 27 %.

En Galicia temos a rede de Espazos-Natura máis cativa de todo o Estado

Responde todo isto a unha “burbulla eólica”? Quen e como saca tallada? Cando estoupe, quen serán os vencedores e quen os vencidos?
Si, hai burbulla eólica e os fondos Next Generation teñen algo que ver, dando lugar a iso que nós chamamos a invasión eólica. En dous anos, máis de 300 proxectos, coas súas respectivas “poligonais”, foron admitidos a trámite. A simple admisión a trámite xa lles confire dereitos ás promotoras sobre o territorio. Non hai un concurso eólico. É como a febre do ouro no Oeste: a que primeiro chega, obtén vantaxe, ningunha outra promotora pode meterse nese territorio. E foi unha enxurrada de proxectos. Iso si, houbo solapamento de zonas; poligonais de superficies desproporcionadas; fraccionamentos artificiais de proxectos. Un resultado caótico, especulativo, con promotoras alleas ao sector que, sen experiencia ou con pouca solvencia, entraron no pastel e que probablemente non teñan intención de construír senón, no caso de obter a autorización, de revender os seus dereitos a fondos de investimento, a outras promotoras etc. Estase autorizando máis potencia eólica da que somos quen de distribuír. 12 000 MW en tramitación nos últimos 2 ou 3 anos, que representa catro veces a potencia eólica xa instalada no país e a cuarta parte de toda a potencia eólica que se planea para todo o Estado en 2030. Os que sacan tallada son as grandes empresas, os Fondos, os especuladores. Quen perde será o pobo: paisaxes destruídas, perda de emprego…, o rural, que vai quedar moi afectado… Perderemos soberanía enerxética e alimentaria e quizais acabemos pagando indemnizacións a esas grandes empresas pola mala xestión da administración, no caso de que algún dos proxectos autorizados sexa inviable, por exemplo, por non poder evacuar esa enerxía.

Cartel

defendemos unha mellora do aforro enerxético: antes de crecer na xeración, cómpre saber canto poderiamos aforrar

O ecoloxismo histórico e as renovables foron sempre da man. Agora, en tempos de crise climática desatada: “Eólica así, non”; de acordo, pero daquela, ¿como?
ADEGA e o movemento ecoloxista seguen apostando polas renovables. É a nosa convicción. Pero rexeitamos un modelo de implantación centrado no lucro económico, que destrúe o medio natural e abusa das persoas. No movemento “Eólica así non” –máis de 200 colectivos– traballamos uns principios mínimos, que parten da xustiza social e a preservación ambiental. Cumpriría unha nova planificación con base socio-ambiental, ao servizo do país, con participación pública real, sometida a avaliación ambiental rigorosa, xusta coa poboación afectada, que non poña en risco a nosa resiliencia climática e que identifique os proxectos de utilidade pública. Teñen que establecerse zonas de exclusión, polo seu alto valor paisaxístico, ecolóxico ou patrimonial, onde non se poidan desenvolver estes polígonos. Asegurar corredores ecolóxicos e salvagardar hábitats especialmente sensibles e vitais para a resiliencia climática, como as zonas húmidas, brañas, turbeiras, que están a ser agora dinamitadas, evidenciando a contradición do modelo. Nós tamén defendemos unha mellora do aforro e a eficiencia enerxética: antes de crecer na xeración eléctrica, hai que saber se xa aforramos todo o consumo que poderiamos aforrar. Non podemos producir sen límites nun planeta con límites. E finalmente é necesaria a “democratización da enerxía” como ben básico e non un produto de mercado. Promover o autoconsumo, unha produción descentralizada que posibilite a autosuficiencia dos territorios. Sen esquecer tampouco que este modelo actual non compensa xusta e debidamente a poboación afectada; desenvolver os eólicos ten que ser compatible cos sectores primarios, estratéxicos para o país, agricultura, gandería, pesca e un monte multifuncional… O contrario é favorecer o abandono do rural.

Pancarta EOLICA ASÍ NON

E despois está o tema de Galicia como terra de sacrificio. Hai datos que xustifiquen iso ou é un vitimismo choromiqueiro?
Historicamente Galicia foi unha zona de sacrificio para abastecer de enerxía as grandes metrópoles do Estado. Xa desde os setenta, coas hidroeléctricas, coas térmicas e despois coa primeira vaga eólica. Os nosos ríos están atrancados continuamente por encoros e os nosos montes xa están inzados de eólicos: xa hai máis de 190 proxectos eólicos instalados. Nesta nova vaga, hai xa autorizados 75 novos proxectos –que estamos recorrendo nos xulgados– e “en tramitación” outros 150 proxectos eólicos, pendentes de declaración de impacto ambiental ou de resolución. Estes números revelan a tremenda enxurrada de proxectos que hai sobre a mesa e o seu impacto no territorio. Ademais dos da Xunta, están os do Estado: en abril autorizaron 13 e pode haber outros 25 ou 30 en tramitación. E iso sen contar os 9 eólicos mariños en trámite. Ríos, mar e montes sacrificados en mans de grandes compañías que tributan fóra, que non van ligadas a un desenvolvemento industrial galego. É o de sempre: levan fóra “as materias primas” e deixan o impacto ambiental e social. Exportamos xa máis do 30 % da electricidade que producimos. Xa cumprimos como país cos obxectivos de renovable para o 2030. Por que temos que asumir a responsabilidade de subministrarlle enerxía ao resto do Estado e ao resto de Europa? Galicia é a comunidade que máis densidade de instalacións eólicas e hidroeléctricas ten. Un 5 % da superficie do Estado produce xa o 14 % da eólica e o 25 % da hidroeléctrica. Si, desde logo, somos unha terra –e un mar– de sacrificio.

Imaxen Campaña #TiPodesParalos

Non hai un concurso eólico. É como a febre do ouro no Oeste: todo para quen primeiro chegue

Esta parece a loita de David contra Goliat, dá a impresión de que só os territorios afectados se mobilizan e organizan. Non se bota en falta na escena pública unha voz técnica –das universidades, por exemplo– que orientasen todo isto?
Si que hai investigadoras e investigadores que están participando no movemento social contra este modelo de implantación das enerxías renovables e transición trazado polas grandes empresas, iso si, a nivel persoal e por convicción ou pola súa traxectoria investigadora, por exemplo, na área de economía aplicada ou na do dereito administrativo, asesorándonos nos recursos contra as autorizacións. Sen esquecer o Observatorio Eólico de Galicia, no que colabora a Universidade de Vigo. Como institución, iso si, hai un gran silencio das universidades. Pode ser, en parte, responsabilidade nosa, por non saber canalizar ese apoio que tería un papel fundamental, para orientar unha transición diferente. Por suposto que animamos as universidades a colaborar. Tamén é certo que hai departamentos que desenvolven proxectos de investigación vinculados ás grandes promotoras enerxéticas. E aí podería haber un atranco para un pronunciamento enérxico da universidades en contra deste modelo eólico.