Desde as redes de apoio a un rural habitable está habendo unha forte reacción contra a instalación de macroparques eólicos como os de Barxa, Rebordechao, Trevinca, etc… Un modelo de sabor colonial no que aparece agora a empresa noruguesa Statkraft.
Vento haino…
E abondo. Contamos en Galicia cuns corredores de aire de gran rendemento. Temos o recurso e lugares onde aproveitalo. Urxe producirmos enerxía limpa. Avante toda. Os números falan: 180 parques, 3788 Mw de potencia instalada; no ano 2019, o 33% do total da enerxía producida en Galicia e un 16% do total da enerxía eólica producida en España, creación de 7.022 postos de traballo directos e indirectos… Abraiante?
Outra industria de enclave nun rural ao que se lle nega outra oportunidade
Non se pode negar a oportunidade da enerxía eólica na loita contra o cambio climático e coma motor económico. Mais, coma en moitas outras iniciativas, son moitos os camiños posibles. Non sempre é mellor o máis curto, rápido e rendible a curto prazo.
E industrias de enclave
Xa desde tempos de Fraga se escolle coma modelo o de grandes parques, asumibles só por grandes empresas. Decláranse bens de interese público, e así esquívase a resistencia dos propietarios dos montes (persoas ou comunidades). Procúrase a menor participación veciñal posible. Elabóranse informes de impacto ambiental de corta e pega: nun deles afirmábase que a imaxe dos muíños nos cumes engadiría un “plus” ao interese turístico de Galicia; outro advertía da protección necesaria para os “cervos” no Barbanza. Resultado? Un modelo de negocio alleo ao medio no que se asenta e que escasamente contribúe á súa mellora. Non negamos a achega ás arcas da Xunta, do Estado, das empresas, e mesmo a xeración de postos de traballo, pero non no lugar. In situ, nin cartos, nin traballo. Outra industria de enclave, de extracción, nun rural ao que se lle nega outra oportunidade.
E portas xiratorias
Por outra banda a présa na planificación, o territorio en cuadrículas como de explotación mineira, levounos a parques eólicos mal planificados e construídos. Vinte e tres destacados científicos alertaban na revista revista Science de danos irreversibles na biodiversidade. Unha biodiversidade que cómpre compatibilizar coa produción: o seu descoido trae ruína e gasto futuro. Cumpriría botar man do saber técnico e científico, independente das promotoras. E batemos cos feitos: a dúbida sobre a necesaria independencia entre os xestores do ben común e os xestores do negocio. Feitos como que Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente con Feijoo no 2017, outorgou á empresa Greenalia autorización para o funcionamento dunha central de biomasa (Curtis) sen Avaliación de Impacto Ambiental por non considerala necesaria. Hoxe, Beatriz Mato pertence á directiva de Greenalia.
Entre 1995 e 2005 autorizáronse parques con capacidade para 4.557 Mw. Só se instalaron muíños para 2.500. Algúns dos beneficiarios das concesións non construíron parques. Simplemente revenderon a concesión obtida. Nesa brincadeira de revenda circularon máis de 1.200 millóns pura e simplemente especulativos.
Non damos co modelo, nin cunha administración interesada en levalo adiante. Un modelo inclusivo das comunidades, respectuoso co ambiente, transparente na xestión.