Unha comarca enteira ponse en pé contra unha decisión “médica” -iso se dixo- de pechar o paridoiro en Verín. Correron versións contraditorias. Esgrímese polo presidente de Xunta o carácter técnico dunha decisión supostamente moi fundamentada. Dan un paso adiante, a xente indígnase, recúan, xa non era tan definitiva nin tan fundamentada. Acéndese o debate. É así como se combate o despoboamento? Non era esta a lexislatura do e para o rural galego? Conversamos con Tamara Balboa do Centro de Desenvolvemento Rural de Vilardevós en plena manifestación da xente da comarca diante da Xunta en San Caetano.

Primeiro falemos do feito en si. É unha mera cuestión técnica? Que consecuencias prácticas ten? Como valorades esa decisión tan firme de primeiras e tan pouco firme despois?
Sen ter coñecementos sanitarios, dende un primeiro momento pareceunos que as cuestións técnicas non eran tales, por varias razóns: nos 25 anos que leva este paridoiro funcionando, nunca, ninguén cuestionara a pericia destes profesionais, a pesar de non chegar aos 600 partos anuais nin de lonxe. Con todo, ata agora apostouse por este paridoiro e non hai moito foi mellorado. Tampouco, nunca transcendeu que houbese ningunha neglixencia por parte do equipo de xinecoloxía e obstetricia do hospital de Verín. Por outro lado cando se anunciou o peche os profesionais de Verín puxéronse en pé de guerra e esgrimiron tamén criterios moi técnicos para manter aberto este paridoiro, o que logo se veu a reforzar por outros como a Sociedade Galega de Xinecoloxía e Obstetricia.

Non só se atende a Comarca de Verín, senón a parte de Conso-Frieiras, xente de Zamora, da Limia e de de Portugal

Outra cuestión interesante é que ningún dos hospitais Comarcais de Galicia cumpre esas ratios dos 600 partos. Será Verín o ensaio para logo seguir coa mesma tendencia? Xa se sabe cando as barbas do veciño vexas cortar…

Pasados os días e vendo o efecto que tivo na xente o peche do paridoiro e a firmeza mostrada polos/a xinecólogos/a e as matronas e demais persoal, pois viuse que esa decisión técnica se debía á falta de pediatra e a que os/as profesionais de Ourense non querían trasladarse a Verín.

Polo tanto os/as veciños/as que temos este hospital como referencia e creo que a maioría da sociedade vimos o problema real de fondo nesta cuestión: a falta de previsión para a cobertura das prazas de pediatría, as malas condicións ofertadas ós/ás profesionais, a negativa dos/as profesionais de Ourense a se trasladar a Verín (é mellor que se trasladen os/as pacientes) e unha aposta pola privatización da sanidade.

Polo que me dicías non é só a comarca de Monterrei. Afecta a un área máis grande e mesmo haberá que enfocalo de maneira transfronteiriza….
Pois si, este hospital non só atende a Comarca de Verín, senón a parte de Conso-Frieiras, algúns pobos de Zamora, a xente da Comarca da Limia, e mesmo a veciños/as de Portugal.

Calquera das persoas que habite na Comarca de Conso-Frieiras vai estar aínda nunha situación máis complicada. Así, nun caso de urxencia un neno/a terá que percorrer cerca de dúas horas ata chegar a Ourense.

Non é inevitable vincular este tipo de decisión á realidade das nosas aldeas e vilas, a iso que poderiamos chamar o círculo vicioso da exclusión territorial? Como encarar este tema á hora de tomar decisións sobre os servizos públicos básicos?
Está claro que todas estas cuestións afondan a exclusión territorial, a falta de servizos públicos é fundamental, xunto con outros factores como a falta de oportunidades laborais, para seguir afondando no despoboamento. De feito, moita xente maior decidiuse a mercar un piso en Verín para estar máis preto dos servizos sanitarios, e pechou as casas nas aldeas. Agora se isto segue así, farémolo en Ourense?

Por outro lado, sabemos que un feito decisivo polo que a xente nova se move ás cabeceiras comarcais e neste caso ás provincias, é para poder ofertar uns mellores servizos aos seus fillos/as, aínda que eles/as teñan que volver todos os días a traballar aos concellos máis rurais.

A verdade é que cada vez o temos un pouco máis complicado para permanecermos no medio rural. Non ten moito sentido que se estea tramitando una Lei de dinamización demográfica e por outro lado haxa unha merma considerable dos servizos sanitarios infantís e educativos no medio rural. O círculo vicioso da exclusión territorial hai que rompelo por algún elo, para romper a espiral o mantemento dos servizos no rural é fundamental.

Como valoras a reacción da comarca? Pode isto marcar un antes e un despois na conciencia da xente sobre estas cuestións?
Efectivamente, de 26.500 persoas desta comarca o día 31 de novembro 20.000 saímos a rúa, isto marca un antes e un despois, xa que as cuestións sanitarias aféctannos a todos/as, á xente nova e á xente vella e a votantes de esquerdas e dereitas.

Se gañamos esta loita será unha vitoria da sociedade autoorganizada

O Hospital de Verín é un referente para esta comarca e sentimos que coa perda de servizos, agora o paridoiro, logo anestesista e cirurxía,… se nos vai algo que é parte nosa. E sinceramente, as mulleres do rural a estas alturas xa non queremos arriscarnos a volver parir camiño de Ourense, como eran moi frecuente antes da apertura do hospital. Nin esperar horas en urxencias en Ourense, nin pagar noite de hotel cando teñamos alguén ingresado moitos días ou pagar taxi ou outro desprazamento, un aparcadoiro cun prezo abusivo… Estamos seguros/as de que non imos mellorar en atención médica, como quedou demostrado o día 12 de decembro co parto de urxencia que houbo que atender no hospital de Verín a pesar do peche do paridoiro, que rematou nun traslado, teño entendido que non moi axeitado, cara a Ourense.

Por outra banda creo que a Xunta cando tomou esta decisión non contou con esta mobilización, unha comarca envellecida, difícil de mobilizar por outras cuestións, era imprevisible que loitase como o está facendo. Isto é unha loita da xente, non así da maioría dos representantes políticos desta bisbarra, que deberían demostrar que apostan polo mantemento de servizos de calidade no medio rural acompañando os/as veciños/as. Se gañamos esta loita é unha loita da sociedade autoorganizada!

Sendo xustos creo que temos que recoñecer o compromiso dos profesionais sanitarios que levan moito tempo concienciando a xente. Con todo, se eles e elas non traballan aquí farano noutro sitio, pero nós os servizos que perdamos non os imos a recuperar.

Xa postos, de cara ao futuro, que teriamos que facer como país para estabilizar e facer habitables territorios como a comarca de Monterrei?
As previsións de futuro non son moi esperanzadora. Dicía Francisco Sineiro, non hai moito, nun seminario no que participou en Verín sobre o despoboamento que esta zona perderá o 40% da súa poboación nos próximos 30 anos.

Pero tamén apuntaba a posibles vías para combater o despoboamento. Por exemplo, a posta en valor e en produción do monte en man común que ocupa o 52% da superficie da comarca, combinando o aproveitamento forestal coa gandería extensiva. Por outra banda, aquí contamos con terreos axeitados para a produción de horta e froita e non hai nada traballado neste eido. O 21% do territorio de Galicia ten un uso agrario e estamos traendo alimentos de fóra que se poden producir aquí. Sería fundamental unha formación profesional para quedar, vinculando a oferta formativa coas oportunidades reais de emprego e cos recursos. Polo de agora, a oferta da formación profesional non está dando unha resposta axeitada.

Sendo xustos temos que recoñecer o compromiso dos profesionais sanitarios

Logo hai que traballar moito a conciencia da xente, a necesidade de apostar polo comercio local, pola posta en valor dos produtos de proximidade… E os concellos deberían limitar o asentamento de grandes superficies no corazón das vilas, xa non deixan máis que uns cantos postos de traballo ao tempo que destrúen outros moitos.

Pero calquera plan ten que asegurar que se manteñen os servizos educativos, sanitarios, sociais… O sector servizos que ata agora foi o forte tampouco resistirá moito tempo con estas tendencias, pero se pola contra fortalecemos os sectores produtivos poderemos seguir mantendo servizos para unha mellor atención e coidado das persoas.

Tamén hai quen fala das oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para o medio rural e para poder deslocalizar o traballo: pode ser unha oportunidade para manter algún tipo de profesionais, pero dende logo o prioritario baixo a miña opinión é o anterior.

Todo isto, non ten que ver algo co cambio climático?
Evidentemente. Se o medio rural está cumprindo unhas funcións ambientais e sociais importantes, como o mantemento da biodiversidade, a paisaxe e mesmo na loita contra os incendios e o cambio climático, e cada vez máis aos seus habitantes se nos esixe que debemos coidalo e mantelo para que siga cumprindo con esas funcións, pois nós tamén deberemos esixir que haxa unha transferencia de cartos da cidade ao campo para isto.

Sería bo traballar cos nenos e nenas dende cativos as oportunidades que poden reconciliarse coa súa contorna e romper coa falsa ilusión de que vas saír a estudar unha carreira, vas a conseguir un traballo no medio urbano para toda a vida e ben remunerado, etc… A realidade mudou pero as ilusións e previsións da mocidade estudante aínda segue sendo moi similares ás do pasado.