Xuntámonos o día 30 de marzo a falar, á tardiña, a tomar uns cafés na distancia aberta no medio do verde en flor desta primavera, sentados nuns “asofases”. Gozabamos do anonimato desta xeografía lenta que permite a extensión da ollada, o pasar do tempo, o encontro. Despois de tanto confinamento. Falabamos sabendo que de nada vale lamentarse, só deixa mocos e non valen para case nada. Eramos tres, implicados en iniciativas como “En defensa do rural” ou a plataforma “Salvemos a comarca de Ordes”, que coordina as asociacións e veciñanza para cuestións de Medio Ambiente, (incluíndo Frades, Mesía, Curtis). Estaban comigo Gumersindo Campaña, ben coñecido de Irimia, Jessica Rei, grande dinamizadora en toda a contorna desde o seu traballo de agricultura ecolóxica na Casa Grande de Xanceda.

Alguén empezou: “O rural non é un sitio, é un xeito de vida, onde as cousas teñen un valor diferente; onde a economía, saúde, os servizos van a outro ritmo; onde atoparse ou perderse, recobrar o contacto coa terra para humanizarnos e volver a vista ás cousas miúdas que acontecen”.

A conversa segue con licor de cereixa. Por que erran tanto con nós? Por que esta reiterativa política de ameaza constante? Que se vacas tolas, eucaliptos, lixos e inmundicia que ninguén quere, minas perigosas que nos deixan mal e máis pobres, ruindades nos ríos con vertidos, na terra con lodos e metais pesados das empresas -moitas veces públicas- que vulneran a lei e contaminan cultivos e augas… E agora veñen cos macroeólicos!

Sabemos de produtividade e non de preservar o lugar da vida, o planeta Terra

Desposuírnos. En nome do seu “suposto progreso” as granxas familiares desaparecen en favor das granxas industriais, con consecuencias fatais, despoboación, desarraigo, perda dunha cultura e tradición e, claro, ao mesmo tempo, a aparición desta morte lenta, da xente que pasa a ser acaseirada, colonizada na súa casa. Se sumamos que estamos representados por quen goberna contra de nós, xa temos a explicación do abandono. Alá, nas súas oficinas, pensan que hai que liberarnos a base de produtivismo, custe o que custe. É a solución ou a morte?

En plena pandemia, que é un aviso do deterioramento natural e humano, non aprendemos nada? Estamos sobreexplotando os recursos, perdendo o equilibrio e harmonía que nos sosteñen. Sabemos da renda per cápita e non sabemos de preservar o lugar onde vivimos, o planeta Terra. Na rendibilidade que procuran os políticos non conta iso de coidar o aire, a auga e a terra. Son quen de vendelo aos de fóra, de lonxe. Aquí non queda beneficio nin porvir. A pandemia debera servir de fonda reflexión sobre o público e o privado e un cambio de conciencia sobre medio ambiente. Pero en contra do cambio necesario hai intereses capitalistas moi fortes. E iso ponnos pesimistas: temos todos algo de culpa por votar a quen o permite todo isto.

aeroxeneradores

Son os de sempre. Nós somos pouca cousa para o gran Capital, non contamos, pero aquí estamos para defendernos deles e dos seus proxectos. Somos máis ca datos; somos persoas que queren vivir en paz, en harmonía co medio. Loitaremos contra os grandes monopolios, contra esta deturpación que se escuda na sobre produción, nos transxénicos, nos abusos. É posible a esperanza, sempre hai alternativas mentres haxa xente disposta a loitar contra estes xigantes.

Certamente os eólicos son unha enerxía limpa, pero os macroeólicos son o exceso, a sobreexplotación. Anulan formas de vida rudimentarias, pero respectuosas. Non son empresas galegas, o beneficio vai fóra. Nin nos benefician en postos de traballo, máis ben estragan os que quedan. O aeroxerador non é o problema: se cada casa tivese un para o seu consumo, ou se cada concello tivese os que precisa para satisfacer a súa demanda de enerxía, sería o ideal. O problema contra o que estamos todas estas plataformas na defensa do rural son estes macroparques eólicos, para unha produción masiva que vai ocupar ata un 25 % do territorio. Non só son muíños, senón tamén o que vén con eles, poligonais, liñas de alta tensión, condución e evacuación, almacenaxe, subestacións.

O aeroxerador non é o problema, un en cada casa para o seu consumo sería o ideal

Veñen desposuírnos, a estragar aínda máis a terra, a paisaxe, as nosas vivendas, as nosas fincas van perder valor -entre un 30 e un 50 % do seu valor- tan só por estar nun radio de 3 Km. dun macroeólico. Seremos máis infelices. Ruídos, aspecto industrial, campos magnéticos, alterarán a avifauna e os mamíferos. Sombrearán casas que estean a menos de 500 metros. Tal como está planeado é insostible, por non ser respectuoso e deturpar a nosa forma de vida. É así como o seu desarrollismo impacta con este rural pacífico. Xusto cando a mobilización resulta agora complicada, o xuntarse, comunicarse entre asociacións para sumar vontades. É difícil acceder aos proxectos que pretenden, reduciron prazos de exposición pública, dificultaron as alegacións. O Covid limítanos, mentres a administración vai ás agachadas, cunha tramitación rápida, reducindo prazos, nunha carreira, con malicia, á vista dos feitos, a ver cantos macroparques aproban entre promotoras e goberno.

Ai, se souberamos o que pretenden! Se houbese conciencia! Precisábase coma nunca unha pedagoxía social, coñecemento, pois os eólicos gozan de boa prensa. Mais hai que avaliar os danos. A nosa asociación, de Curtis e Ordes, puido informar antes do Covid. Agora témolo difícil e o grupo de traballo reduciuse á mínima expresión para soster as comunicacións que non se fan xa de parroquia en parroquia, como era habitual. Que se saiba: pretenden aquí 11 parques eólicos, 120 aeroxeradores de 200 m. de altura, máis de 11 subestacións eléctricas e moitos centos de quilómetros de cables e conducións, liñas aéreas, subterráneas. Para eles somos zona de sacrificio.

Cando poderemos volver á normalidade de ser e de estar, de recuperar os ciclos de luz e sombra, en animais e flora, en paxaros, na vida! Algo está claro: hai que xuntar forzas e loitar, protestar contra este desterro. Non permitamos que reincidan no erro, no desprezo, na mala xestión, nas políticas salvaxes. Gobernan contra de nós. Aproveitan a pandemia.