As traxedias no Mediterráneo poñen nas portadas o asunto da inmigración, pero o día a día da vida aquí das persoas inmigrantes e refuxiadas é unha realidade “soterrada”. Está aí, pero rara vez forma parte do debate público serio e rigoroso. E cando o fai, en fases electorais, é demasiadas veces a ultradereita a que marca a axenda, identificando de maneira perversa inmigración con delincuencia e outras “lindezas”. Pero son moitas as persoas que de maneira organizada tratan de recolocar o asunto alí onde debe estar: o dos dereitos humanos, da inclusión social e laboral, das estruturas e programas de acollida e integración. Recentemente abriuse un debate en torno ao chamado “arraigo por formación”, impulsado desde o Ministerio de Inclusión, non sen certo debate sindical. Conversamos con Miguel Fernández, do Foro Galego de Inmigración.

Que é iso de “arraigo por formación”? A que realidade responde?
É unha iniciativa do goberno que xa a puxo en práctica hai uns meses e que agora quere reformular ante o fracaso da iniciativa anterior. Veremos en que se traduce, pero normalmente este tipo de anuncios políticos, polas dificultades burocráticas, non son doados de cumprir. Un exemplo: como se matrícula unha persoa nun ciclo de FP, cando nin os rapaces dos institutos, ás veces, poden acceder pola limitacións de prazas? Agora quere flexibilizarse pero, en todo caso, hai que levar aquí dous anos de residencia en situación irregular. Por outra banda, estas medidas de Escrivá son para xustificar que o PSOE viña opoñéndose á Iniciativa Lexislativa para a Regularización (ILP), unha iniciativa lexislativa amparada por 700 000 sinaturas, aducindo que a UE non llo permitía (durante a pandemia fíxose en Portugal e Italia, parcialmente). A cousa responde á falta de traballadoras en postos non cualificados, nun momento de situación económica e laboral, en xeral, moi positiva. Utilizar as persoas migrantes como mercadoría laboral é un “clásico” que deberiamos empezar a cuestionar.

o cerne da cuestión é o cambio dunha lei de estranxeiría con máis de 20 anos de vixencia

Por que a reticencia dos sindicatos maioritarios?
Tamén é un “clásico”. Formalmente preséntase como a intención de non abaratar o mercado laboral, o que, en parte, é certo, claro. Por outra, trataríase dun tipo de racismo coas traballadoras migrantes, na defensa das traballadoras locais, aínda que isto se recoñece menos. Seino ben porque eu mesmo contactei con CCOO e UXT a nivel galego para que apoiasen e difundisen a ILP e ambos os dous, con diferentes xustificacións, negáronse. Tampouco o fixeron a nivel estatal.

Que importancia tivo ese proceso arredor da iniciativa lexislativa e que foi dela?
A ILP morreu coa convocatoria de eleccións xerais para o mes de xullo, pero foi un esforzo ben “chulo”, especialmente dos propios colectivos de persoas migrantes e racializadas que conseguiron todas esas sinaturas. Ese ano de traballo conxunto permitiu mellorar a coordinación e a partir de agora tentaremos manter esas accións coordinadas, para que teñan máis forza e dimensión. Por exemplo, recentemente na memoria e denuncia da Masacre de Melilla do ano pasado. Teoricamente, o novo goberno despois das eleccións pode retomar a Iniciativa, as sinaturas non caducan, pero iso será moi difícil.

En realidade, isto era un “parche” tamén porque o cerne da cuestión é o cambio da Lei de Estranxeiría con máis de 20 anos de vixencia e con regulamentos cambiantes que a dulcificaron algo, pero que non establece medidas de entrada razoable no Estado español. Isto provoca as mortes na fronteira sur, terribles e evitables, e condena á miseria e á falta de dereitos humanos básicos as persoas migrantes que entran como “turistas” (a inmensa maioría) porque non hai outra forma. Ademais iso provoca un colapso nas solicitudes de asilo.

Puños no alto

Falando do “asilo”, como está este tema?
Pois iso, colapsado… porque moitas persoas buscan aquí a alternativa, para non ter que esperar tres anos en situación irregular para poder arranxar “papeis”. En xeral, existe un racismo estrutural institucional que se manifesta nas leis e regulamentos discriminatorios, como o acceso á RISGA ou IMV (imposible para as veciñas en situación de irregularidade administrativa), pero tamén na tradicional falta de medios e recursos públicos para atender este colectivo. Non é só unha incomodidade, é un auténtico drama, cando resulta imposible conseguir citas para moitos dos trámites, o que pon en perigo o acceso ou renovación de documentación conseguida tras anos de esforzo, normalmente en situación de irregularidade. No caso do asilo, que é un dereito humano fundamental, estamos a falar de citas a máis dun ano vista. Tampouco hai suficientes recursos públicos para atender esta poboación, unha vez que é recoñecida como tal.

que resulte imposible conseguir citas para moitos dos trámites, non é unha “incomodidade”, é un auténtico drama.

O racismo volve a ser actualidade, por certo…
Si, máis ala dos casos mediáticos de deportistas de elite, o racismo é unha realidade cotiá para as persoas migrantes e racializadas no Estado español: no acceso a unha vivenda (máis cara e máis difícil de atopar); no acceso a un emprego (peores condicións e despois dos “nacionais”); no acceso aos lugares de ocio… Efectivamente, España é un país racista e convén dicilo de forma clara. O racismo, ademais de inxustiza, complica así, de feito, a vida cotiá destas persoas e, neste momento, promovelo é unha opción política clara da ultradereita, apoiada ou consentida pola dereita tradicional.

Dinos algo en positivo…
Un aspecto moi positivo é a cada vez maior presenza e implicación das propias persoas migrantes e racializadas e dos seus colectivos na defensa dos seus dereitos. Esta presenza debe incrementarse cada vez máis, para que sexan elas as que elaboren e propoñan os discursos e as actuacións que hai que desenvolver, deixando as persoas eurobrancas nun papel secundario de apoio. Por exemplo, o tema do racismo pode parecernos menor en relación coas malas condicións de vida (emprego, vivenda…), pero é un tema que elas mesmas quixeron poñer sobre a mesa. Logo, naturalmente, un reto imprescindible é a modificación da Lei de Estranxeiría, pouco se pode avanzar sen iso.