As rúas enchéronse de tractores e moitas persoas amosan o seu apoio a un movemento que lanza aparentemente ao unísono un gran berro de desesperación, dende Valladolid a Berlín, ou dende Ourense a Bruxelas. Nas últimas décadas as políticas neoliberais amosaron un afán absoluto en cooptar o sistema alimentario, procurando materias primas baratas para operar nun mercado globalizado.
Un agro “low cost” que castiga a agricultura pequena e sustentable
Un modelo que impulsa os sistemas intensivos de cultivo e de cría, coa compra masiva de insumos (fertilizantes, pesticidas, pensos, etc…), mentres que expulsa por miles á xente labrega en todo o mundo. A imposición deses prezos ruinosos baséase entre outras cousas na precarización do traballo asalariado en grandes proxectos industrias, (como os que vemos na tele en El Ejido ou noutras grandes zonas produtoras), na autoexplotación de moita xente labrega, incrementando a dimensión para ganar igual ou menos, e na intensificación da produción, con máis uso de auga, agrotóxicos…, con zonas como Almería ou Murcia que teñen un terzo do solo totalmente salinizado, Cataluña cun 40% dos acuíferos contaminados por nitratos relacionados con miles de cabezas de porcino, cun modelo que ameaza tamén terras galegas como a Limia ou a zona de Rodeiro.
Agroindustria e pequena agricultura: intereses contraditorios
Moitos pequenos e pequenas produtoras, por exemplo da man da Vía Campesina ou o Sindicato Labrego Galego, denuncian os baixos prezos da agro-industria coa que non poden competir; a burocratización e a ameaza de esixencias que moitas veces penalizan precisamente máis ás producións máis sostibles, que son as máis diversificadas, ecolóxicas ou de pequena e mediana dimensión. Tamén denuncian o emprego da agricultura como moeda de cambio nas negociacións dos Tratados de Libre Comercio, que supoñen a entrada de inxentes cantidades de alimentos de lugares con normas sanitarias ou dereitos laborais moito máis laxos que os da UE.
“Os escasos mercados locais para alimentos de proximidade desapareceron ou sobreviven de xeito moi precario”
Ao mesmo tempo hai mobilizacións nas que escoitamos mensaxes que esixen eliminar as poucas limitacións que teñen as grandes producións industriais, por exemplo en relación coa protección da saúde, do medio ambiente ou do benestar animal, coincidindo na denuncia dalgúns puntos como os baixos prezos e o encarecemento de custos, mais desbotando calquera proposta que signifique a desintensificación, ou a importación de produtos de terceiros países, mais cunha defensa férrea da suposta vocación exportadora da UE.
A penetración da ultradereita
A convocatoria das próximas eleccións europeas para xuño de 2024 e a valoración dos grupos de ultradereita do sector agrario e o medio rural como o seu gran bastión electoral está a verse con claridade nestas mobilizacións. No estado español puidemos ver líderes de partidos como Vox subidos aos tractores, personaxes destes grupos como Lola Guzmán tratando de liderar as propostas, avogados habituais da ultradereita como os de Desokupa e numerosos intentos de canalizar as protestas contra o actual goberno español, ao que consideran ilexítimo. Nestes días tamén puidemos ver en diferentes medios falando dos problemas do sector e en nome dos agricultores a terratenentes como Cayetano de Alba, propietario coa súa familia de arredor de 35.000 hectáreas de terreo, polas que percibiron tan só no ano 2020 un montante de 3.000.619 euros de axudas da PAC. O representante da Casa de Alba (denunciada pola Fiscalía por ter toda unha serie de pozos ilegais nna área de Doñana) falaba estes días da “ditadura do medio ambiente”, denunciando que non tiña para pagar as nóminas dos seus traballadores, pero sen desaproveitar tampouco a ocasión de meter o tema de Cataluña.
“Galicia ten a posibilidade de non repetir os erros doutros lugares apostando por alimentos de calidade e o modelo de produción agroecolóxico”
Cómpre cambiar a tendencia
Dende o 2009 ao 2023 en Galicia non deixaron de aumentar as importacións de alimentos, pero pasamos de 13.000 granxas de leite a 5.820 (en gran medida por termos os prezos máis baixos do estado), e de 47.330 granxas de vacún a 26.070. Perdéronse 185.000 hectáreas de superficie agrícola útil (SAU), tendo xa das porcentaxes máis baixas de Europa (un 21% fronte ao 47% da SAU de media estatal). Os escasos mercados locais para alimentos de proximidade desapareceron ou sobreviven de xeito moi precario; non se implantou unha soa medida para aproveitar a compra pública de cara a facilitar o acceso de colexios ou hospitais a alimentos ecolóxicos, frescos e de tempada; deixáronse por primeira vez sen aprobar expedientes de mozos e de mozas que se querían incorporar á actividade, así como axudas de agroambiente e clima e de ecolóxico, cando temos arredor dun 5 % de superficie certificada en ecolóxico e os obxectivos para o 2030 da UE serían chegar a arredor dun 25%. E temos o triste récord de 2.000 aldeas abandonadas. Ao mesmo tempo que se desmantelan as oficinas agrarias comarcais, os centros de formación e non se cobren as prazas das persoas que se xubilan en Centros de Investigación Públicos como Mabegondo, avanza unha burocratización sen precedentes e unha dixitalización, que exclúe a miles de persoas nun sector no que a media de idade está en arredor dos 60 anos.
Temos futuro….querendo
Galicia, pola zona climática na que estamos e mesmo pola situación actual de partida, ten a posibilidade de non repetir os erros doutros lugares, con grandes impactos xa, apostando por alimentos de calidade e o modelo de produción agroecolóxico, como resposta a retos como os cambios no clima e un futuro no que os combustibles fósiles van ser máis escasos e máis caros, encarecendo polo tanto todos os insumos. O modelo agroindustrial amosa a súa febleza, cun sector en dificultades, no que arredor de 6 de cada 10 titulares se xubilan nos próximos anos con escasas posibilidades de relevo, a non ser que haxa mudanzas significativas. O reto está aí: como garantir unha alimentación saudable e nutritiva para o conxunto da sociedade no futuro ou como coidar o territorio galego, que é maioritariamente rural.