Non hai máis ca entrar na páxina web de Roxín Roxal- Asociación Cultural Libre de Paderne (https://roxinroxal.gal/) para comprobar como ferve de actividade creativa, imaxinativa, resistente.

Recentemente souberon fundir nun dos seus roteiros a relectura dun de tantos episodios “esquecidos” do antigo Reino de Galicia coa máis candente actualidade: a polémica arredor do proxecto dunha macroplanta de celulosa no corazón da nosa terra.

O roteiro de Roxín Roxal, polas fermosas terras da comarca da Ulloa, ilustrou as persoas participantes sobre o escurecemento oficial da nosa historia, e sobre os argumentos mentireiros a prol dese macroproxecto. Para iso achegouse información rigorosa por parte de representantes da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), da Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e da Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO).

imaxen video Castelo de Pambre
Tres expertos, coñecedores das medias verdades e falsidades de diversas voces e entidades que promoven ALTRI e polo mesmo goberno da Xunta, contrastáronas con evidencias saídas de investigacións científicas e deron explicacións claras a un numeroso grupo de participantes no roteiro e na concentración posterior na Eira da Xoana.

A maiores dos datos científicos a situación creada dá lugar a reflexións de forte contido simbólico, como a que nos fai chegar Miguel Rodríguez Carnota, un dos impulsores de Rosín Rosal, con este paralelismo entre 1371 e 2024.

ilustracion As batallas de Porto de Bois

As batallas de Porto de Bois

Un roteiro da AC Roxín Roxal pola Ulloa

Miguel Rodríguez Carnota
ACLP Roxín Roxal

É o ano de 1371 e dous exércitos alíñanse enfrontados no campo de batalla de Porto de Bois (A Ulloa). Dun lado, os defensores do usurpador Enrique II, as forzas franco-castelás que loitan xunto a un exército de experimentados mercenarios. Da outra banda agardan as tropas galegas de Fernando de Castro, defensoras no seu día do lexítimo rei Pedro o Xusticeiro, asasinado dous anos antes en Montiel a mans do agora rei Enrique, o falso Trastámara. Galiza está en rebeldía.

Unha visión histórica reducionista presentounos até agora o conflito como xurdido dun inocuo xogo de vasalaxes medieval. Investigacións recentes como a de Francisco Rodríguez (2022), desvelan as causas políticas do enfrontamento. O nacente poder expansionista castelán, co apoio da coalición ultraconservadora da época (o Papa de Aviñón, os reis de Francia e de Aragón, as Compañías Brancas do mercenario bretón Bertrand du Guesclin) pretende tomar unha Galiza rebelde e atlantista, puntual aliada de Portugal no soño da reconstrución do antigo Reino.

A alianza nacional-popular entre a nobreza e a burguesía galegas presenta batalla durante anos. A fatal derrota de Porto de Bois será un doloroso punto de inflexión que marcará para sempre a nosa deriva. O Portugal de João I correrá mellor sorte, poucos anos despois. Na batalla de Aljubarrota, saldada coa derrota castelá, vaise asegurar a independencia do noso alter ego, o país luso.

Quixo o destino que agora e no mesmo campo de batalla do centro xeográfico da Galiza se aliñen simbolicamente outros dous exércitos enfrontados, cargados de razóns contrarias que han definir para un ou outro lado a Galiza de mañá. A macrocelulosa Altri aparece hoxe no horizonte da Ulloa! Do seu lado, ármase o capital transnacional rebotado de Portugal que, prometendo incertas prosperidades, perpetuará a eucaliptización do Reino e lixará perigosamente as terras, as augas e o ar desde o corazón da nosa terra até o fondo das nosas rías.

Da outra banda parapétase a sociedade máis consciente da Galiza, a que aprendeu a golpes de celulosas, de eólicos, de Prestiges e de Casóns que no grande deseño da macroeconomía universal a terra que amamos está destinada a xogar o papel de zona de sacrificio. É a Galiza que se quere e que quere un futuro limpo, próspero e sobre todo propio, a que se sitúa deste lado. De momento, os exércitos avalían os seus potenciais e ensinan as súas armas ao contrario. A nova batalla de Porto de Bois está próxima.