O pasado 7 de outubro celebrouse a Xornada Mundial polo Traballo Decente. En Lugo, coma noutras dioceses do Estado, a iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD), da que formamos parte a IOAC-Lugo (Irmandade Obreira de Acción Católica de Lugo) xunto con Caritas, Confer, Juan Soñador, JOC e Taller de solidaridade, impulsamos accións baixo o lema “Movémonos polo traballo decente”.
Entre esas accións está a elaboración dun decálogo para clarificar o concepto de traballo decente, que pretendemos serva para cuestionar e modificar o modelo laboral que se impón actualmente.
A ITD naceu para facer visible a precariedade que sofre o mundo do traballo
Tamén o traballo con parroquias de Lugo e Monforte, movendo ao longo do curso 2020-21 unha exposición que consta de dous paneis para difundir a campaña e ofertando charlas e colaboracións para que nos actos relixiosos se fale do tema, tal e como se fixo con moito éxito no inicio de campaña que celebramos uníndonos á misa do día da parroquia de San Antonio.
A ITD naceu para facer visible a precariedade que sofre o mundo do traballo, este ano aumentada pola situación de emerxencia sanitaria provocada pola pandemia mundial da COVID-19. Esta ensinounos que se pode consumir menos e mellor, que o servizo daqueles oficios menos valorados, social e economicamente, son os que sosteñen a vida e o coidado comunitario.
A realidade en que nos atopamos está visibilizando as consecuencias dun modelo produtivo incapaz de xerar emprego con alto valor engadido e marcado polas altas taxas de precariedade laboral. Demasiados empregos considerados esenciais manteñen condicións laborais tan precarias que algunhas veces rozan a vulneración de dereitos e moitas a imposibilidade do sostemento da vida. Isto está a supor que moitas persoas se vexan na necesidade de acudir aos servizos sociais e á axuda veciñal para poder subsistir. Temos que valorar o traballo humano na medida que nos dignifica como fillas e fillos de Deus, corresponsables co coidado da vida e a creación.
Desde a ITD urximos a adoptar as medidas necesarias para conseguir que o traballo decente sexa unha realidade accesible para todas as persoas, con condicións que permitan manter unha vida digna e que a protección social chegue a todas as persoas que o necesitan.
Coas accións que agora iniciamos, pretendemos que a sociedade lucense se achegue á realidade do traballo e sinta a necesidade de actuar e porse en marcha polo traballo decente.
“Para a Igrexa non se trata soamente de predicar o Evanxeo…, senón de alcanzar e transformar coa forza do Evanxeo…” (Paulo VI).