Estamos en tempos de sinodalidade, e na Igrexa estanse vendo vir os cambios que hai tempo precisa… O papa Francisco segue a moverse, ás veces non tanto como quixeramos, pero desde que chegou á cadeira de Pedro non fai máis que insistir nunha Igrexa en saída. E este foi precisamente o tema que o XXXVIII Foro Encrucillada propuxo a todas as persoas que nos congregamos o pasado sábado 5 de outubro no salón de actos do Colexio da Compañía de María, en Compostela. Acolléronnos as palabras de benvida de Lois Ferradás, membro do Consello e colaborador na Escola Galega de Espiritualidade.

As Mulleres de Exeria queremos poñer ao clareo todas as demandas que o mundo nos fai

Sentímonos moi honrados de ver e escoitar o arcebispo de Santiago, mons. Francisco Xosé Prieto. Foi o primeiro arcebispo que sentou na mesa de relatores despois de 38 anos. Todo un xesto para nós, a xente de Encrucillada, historicamente tan pouco apreciada nos círculos eclesiásticos composteláns. Puidemos constatar como a liña pola que quere o arcebispo que camiñe a nosa diocese coincide coas aperturas propostas polo papa Francisco, e aínda que non aterrou moito na realidade eclesial galega concreta, si marcou unha folla de ruta coa que todos respiramos aliviados… Ogallá vexamos os cambios cara á sinodalidade e a participación. Ogallá unha Igrexa arremangada diante das realidades máis marxinadas e marxinais!

No descanso da mañá, a ONG Solidariedade Internacional serviunos café, zumes e biscoitos de proximidade e comercio xusto, porque a xustiza alimentaria é unha premisa ineludible para o coidado global, tan necesario! Despois interveu Andrés Torres Queiruga, presidente da asociación, que foi debullando coa finura teolóxica á que nos ten afeitos como Xesús de Nazaret, o Cristo, é principio e fundamento desa Igrexa en saída.

XXXVIII Foro Encrucillada
Pola tarde, Koldobi Velasco, muller de pacifismo e denuncia, activa en tantas loitas de fronteira por terras canarias, debullou para todos como construír un novo mundo como Igrexa en saída. Recuperou verbos novos e vellos como cuestionar, desprivilexiar, desmilitarizar, decrecer, descentralizar, desexar, abrazar a diversidade, esperanzar, desmercantilizar, acuerpar, desclericalizar, ternurizar, profetizar… Porque os cambios son posibles no pequeno, desde o coidado e a tenrura.

Rematamos celebrando a transformación que queremos ver, colgando nun tendal os reclamos que a sociedade nos fai como Igrexa, falando de vida e sororidade arredor dunha corda de tender a roupa cos versos de Luísa Villalta. As Mulleres de Exeria propuxéronnos sacar do armario e poñer ao clareo todas as demandas que o mundo nos fai, para construír un mundo novo, para facer reino. A oración de Manolo Regal e a Samba da utopía, interpretada por Xaquín R. Pomares, puxeron o ramo a un foro que nos chama a abrir a porta, a deixarnos atravesar polos gozos e esperanzas deste noso mundo, como reclama Gaudium et Spes.

De acontecer afinal
De entrar no noso quintal
a palabra tiranía
Pegue o tambor e o ganzá
Imos á rúa gritar
a palabra utopía