Sorprende que sexan a extrema dereita e os sectores conservadores máis reaccionarios os que reivindiquen e se alcen hoxe en defensores da Constitución do 78, expulsando daquel consenso a máis da metade da cidadanía, polo menos. Preocupa que esta apropiación polos grupos máis antidemocráticos e xacobinos inutilice a Carta Magna como instrumento eficaz para a convivencia democrática entre as nacións e rexións conformadoras do actual Estado español. Como chegamos ata aquí? Haberá múltiples causas e razóns, pero coido que foron determinantes as etapas de consenso, refreo, sacralización e expropiación que aturou a Constitución.
A dereita pretende expropiarlle a Constitución á maior parte da cidadanía
O consenso constitucional naceu do medo. O medo dos franquistas a perder poder, a ter que render contas e sufrir as conseguintes depuracións e a que se puxese en cuestión a supervivencia das fortunas nacidas coa corrupción da ditadura. E o medo dos demócratas á continuidade dun réxime militar autoritario ou, alternativamente, a un cruento enfrontamento civil. O medo explica que se admitise a Coroa como nó gordiano do que quedou «atado e ben atado»; tamén que se tolerase a subsistencia do nacional-catolicismo nos privilexios da Igrexa católica ou que se pechase con sete cadeados calquera posibilidade de reforma constitucional no futuro.
Con todo, a Constitución abría esperanzadoras posibilidades para avanzar na democracia, e isto para moitos era un perigo. Ese perigo conxurouse co golpe do 23 F, que serviu para instaurar a lectura máis reaccionaria da Constitución e para establecer un modelo de alternancia tacitamente pactado, o bipartidismo, embridando así a aplicación da lei fundamental.
Pero a inercia da democracia e, nomeadamente, o desenvolvemento das autonomías cuestionaban acotío a interpretación «oficial» da Carta Magna, polo que se procedeu á súa sacralización porque o sagrado non se toca, xera tabús e estigmatiza a quen se atreva a cuestionalo.
A fin do bipartidismo, a remuda xeracional e os novos retos e problemas da sociedade actual fixeron entrar a reforma constitucional na axenda do debate político. Isto espertou a reacción ideolóxica e partidista, que decidiu acaparar a Constitución e expropiarlla á maior parte da cidadanía, que queda expulsada do, por eles acoutado, espazo constitucionalista.
Para a miña idea, este noso nefasto proceso político tivo moito que ver coa actual apropiación indebida da Constitución por parte da extrema dereita e dos sectores conservadores máis reaccionarios.